Turgalicia, entidades de promoción local e as comercializadoras turísticas participan no programa Privilege Spain

 

A Consellería de Cultura e Turismo, a través de Turgalicia, colabora con Turespaña para promocionar a través dun portal de Internet a oferta turística española máis experiencial. Turgalicia coordinará as achegas dos diferentes sectores turísticos galegos a esta iniciativa.

Santiago, 25 de outubro de 2011.- Comercializar o destino turístico España desde o punto de vista da experiencia do propio turista é o obxectivo do programa Privilege Spain, cuxos responsables mantiveron hoxe diferentes reunións cos representantes das entidades locais de promoción e os operadores turísticos maioristas galegos para determinar as propostas galegas que se incluirán nesta iniciativa para a promoción turística de España no exterior.

Á xuntanza na sede de Turgalicia, á que foron convidadas todas as entidades de promoción turística local, acudiron representantes de Turismo Rías Baixas, Turismo da Coruña, INCOLSA de Santiago de Compostela, da Ribeira Sacra, da cidade de Pontevedra e Grupo de Acción Costeira 04. Pola parte das empresas e entidades comercializadoras estiveron AGAVI, Viajes Viloria e Euroadventures.

Os participantes na reunión puideron coñecer esta iniciativa de Turespaña e achegar propostas para a súa incorporación a este proxecto desde a Comunidade galega, que a súa vez deberán ser validadas por Turgalicia.

Portal de Internet
Privilege Spain preséntase como un produto afastado do Turismo de masas, co obxectivo de captar aqueles potenciais clientes estranxeiros que buscan experiencias concretas non exclusivamente co produto Sol e praia, co que moitos turistas do exterior identifican o destino España.

Para determinar as experiencias a incluír dentro deste programa, que se comercializará a través dun portal de internet dentro da web spain.info, as propostas serán avaliadas arredor de varios criterios, entre os que salientan a autenticidade, a posta en valor da Comunidade Autónoma e os graos de evasión, relaxación e tematización que achegan.

Os produtos que se incluirán en Privilege Spain son de tres tipoloxías básicas, segundo as actividades, os produtos e os servizos turísticos que se propoñan. Ademais, os produtos presentaranse na web dependendo do público ao que van dirixido, con segmentos que inclúen distintos xeitos de convivir.

Deixar una contestación

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *