Propietarios brasileiros de establecementos turísticos no medio rural visitan Galicia para coñecer a experiencia galega neste eido

Ademais de coñecer a oferta turística de Galicia en Turismo Rural a través de reunións de traballo cos técnicos e coa directora-xerente de Turgalicia, visitaron algúns establecementos da comarca compostelana

Ademais, esta semana a Xunta promocionou en Italia o Turismo de reunións na xuntanza Full Contact Incentive Destinations e unha xornalista de revista portuguesa Evasões visitou Galicia para realizar un traballo xornalístico sobre as rías Altas e Baixas e a Costa da Morte

Un grupo de propietarios de establecementos turísticos no medio rural de Brasil visitaron recentemente a Comunidade galega co obxecto de coñecer a experiencia de Galicia no eido do Turismo Rural e aproveitar o know how da Administración Turística galega na promoción, difusión e comercialización deste sector.

Os visitantes, que procedían dos estados de Baía, Goiâna, Río de Janeiro, São Paulo e Distrito Federal, tiveron a oportunidade de se entrevistar coa directora-xerente da Sociedade de Imaxe e Promoción Turística de Galicia, Turgalicia, Carmen Pita, quen lles achegou as características do modelo de desenvolvemento do Turismo no eido rural galego.

Ademais, aproveitaron a súa estadía en Galicia para coñecer de preto varios establecementos rurais de varias tipoloxías, ao obxecto de compartir experiencias cos seus propietarios. Neste sentido, os visitantes estiveron en varias casas rurais de Santiago e a súa comarca.

Viaxe de familiarización
No ámbito da promoción turística da Comunidade galega, Turgalicia colaborou coa organización da viaxe da xornalista Ana Cristina Pereira, do semanario Evasões, que recentemente visitou Galicia para realizar distintos traballos xornalísticos relacionados coas Rías Altas e Baixas e a Costa da Morte. Evasões é unha das publicacións turísticas e de viaxes máis importantes de Portugal.

Turismo de reunións
Doutra parte, a pasada fin de semana a Xunta de Galicia, a través de Turgalicia, da Secretaría Xeral para o Turismo, promocionou o Turismo de Reunións galego na xuntanza profesional Full Contact Incentive Destinations.

Esta xuntanza celebrouse en Porto Cervo, Cerdeña-Italia, e estivo dirixida fundamentalmente aos profesionais turísticos italianos especializados na organización de viaxes de incentivo. Os representantes de Turgalicia puideron reunirse con 22 operadores turísticos italianos aos que se lles presentou a oferta turística galega no eido do Turismo de Reunións.

Deixar una contestación

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *