PREMIOS DA CULTURA GALEGA 2011

Os Premios da Cultura Galega 2011 recoñecen o traballo creativo na nosa comunidade e o labor de proxección de Galicia no exterior

A Consellería de Cultura e Turismo crea e convoca estes galardóns por considerar necesario distinguir as persoas e institucións que traballan nos distintos eidos da creación, da conservación e revalorización do patrimonio e da actualización e difusión deste capital intelectual, na propia comunidade ou para o mundo. A cultura galega supón un elemento fundamental da imaxe de Galicia de cara á nosa propia sociedade e de todo o que ten que ver connosco no panorama internacional.

Un xurado plural formado por persoeiros de relevo da cultura galega deliberou os premiados no mes de novembro. O xurado estivo presidido polo conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela, e nel estiveron representadas algunhas das institucións máis senlleiras da cultura galega como o Consello da Cultura Galega, a Real Academia Galega, a Universidade da Coruña, a Universidade de Santiago de Compostela, a Universidade de Vigo, a Real Academia de Belas Artes Nosa Señora do Rosario.

A relación de premiados é a seguinte:

– O escritor lucense Arcadio López Casanova é o galardoado co premio Cultura Galega das Letras en recoñecemento á súa traxectoria e á súa extensa produción en lingua galega e castelá.

– O escultor cambadés Manolo Paz recibe o premio Cultura Galega das artes Plásticas polo seu traballo creativo, a forza das súas creacións e pola nova mirada que fai sobre as tradicións.

– O premio Cultura Galega das Artes Escénicas recae no dramaturgo Quico Cadaval, en recoñecemento ao seu traballo en prol do impulso e constante actualización do teatro galego e á súa labor como director.

– A Fundación ‘Aquae Querquennae’ resulta distinguida co premio Cultura Galega ás Iniciativas en prol do Patrimonio Cultural, polo traballo desenvolvido no xacemento ‘Aquis Querquennis’, situado en Bande e que ten como finalidade a posta en valor dos recursos naturais, etnográficos e turísticos.

 

– O premio Cultura Galega á Promoción Cultural de Galicia recoñece a Carlos Núñez por ter feito da gaita un extraordinario instrumento para a expresión e difusión da cultura galega dentro e fora das fronteiras da comunidade autónoma.

– O compositor Rogelio Groba recibe o Premio Cultura Galega de Música pola súa extensa traxectoria e por ser un dos máis prolíficos compositores galegos e pola enorme relevancia do seu traballo compositivo.

– O premio Cultura Galega de Creación Audiovisual distingue á actriz María Pujalte en recoñecemento á súa importante carreira profesional desenvolvida no cine, na televisión e no teatro.

María Pujalte. Premio Cultura Galega de Creación Audiovisual.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *