O Xacobeo presenta na localidade portuguesa de Barcelos a exposición itinerante ‘Olladas no camiño de Santiago’

A exposición recolle a visión particular sobre o Camiño de Santiago dos fotógrafos galegos Delmi Álvarez, Fernando Bellas, Tino Martínez, Javier Teniente, Xulio Villarino e Tino Viz e permanecerá na vila portuguesa ata o 26 de maio mentres outra copia da colección itinerará polas Illas Azores e Madeira a partir do 8 de maio.

Un técnico do Xacobeo impartiu a conferencia ‘Barcelos no Camiño de Santiago’ como parte dun programa de promoción do Camiño de Santiago en Portugal.

 

A S.A. de Xestión do Plan Xacobeo organiza a exposición fotográfica Olladas no Camiño de Santiago, xunto coa Asociaçao de Espaço Jacobeus e a Cámara Municipal de Barcelos, que se ven de inaugurar esta fin de semana na Biblioteca Municipal desta localidade portuguesa. A exposición permanecerá ata o 26 de maio e o seu horario de visitas é de luns a venres de 09.30 ás 18 horas e os sábados de 09.30 ás 12.30 horas.

Na inauguración, o técnico da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo Francisco Singul pronunciou a conferencia Barcelos no Camiño de Santiago, que forma parte dun programa de promoción da Ruta Xacobea en Portugal. Esta conferencia fai fincapé nos vínculos de Barcelos co Camiño das peregrinacións a Compostela; a lenda do Galo de Barcelos, a historia do culto a Santiago en Portugal e as peregrinacións de reis, nobres e do pobo, así como as motivacións dos peregrinos medievais, resaltándose a figura da Raíña Santa Isabel de Aragón como unha das máis importantes peregrinas da Historia.

A mostra Olladas no Camiño de Santiago, que xa itinerou por diferentes cidades de diversos países, chega a Portugal con dúas copias para percorrer simultaneamente localidades do territorio continental portugués e dos seus máis importantes arquipélagos. Mentres a primeira ten previsto viaxar despois de Barcelos por Valença do Minho, Belmonte ou Vila Verde, a outra copia irá ás Azores, onde se inaugurará en Ponta Delgada o 8 de maio e trasladarase a continuación a Ribeira Grande, Lagoa, Illa da Terceira, Illa do Pico e Illa do Faisal. A continuación poderá visitarse en Madeira.


A exposición ‘Olladas no Camiño de Santiago’
A exposición fotográfica itinerante Olladas no Camiño de Santiago amosa a visión particular que sobre o Camiño de Santiago e o fenómeno xacobeo teñen diferentes fotógrafos. Os autores, Delmi Álvarez, Fernando Bellas, Tino Martínez, Javier Teniente, Xulio Villarino e Tino Viz rexistran coas súas cámaras a paisaxe, o patrimonio arquitectónico, a riqueza humana de peregrinos, visitantes e persoas que viven ao longo dos Camiños que levan a Santiago. Nas fotos destes recoñecidos profesionais aparecen desde símbolos puramente xacobeos ata manifestacións antropolóxicas, pasando por retratos con nome e apelidos e figuras anónimas, e desde paisaxes abertas ata a intimidade de igrexas e claustros. A dicir dos críticos, a través das súas obras os artistas senten e reflicten como nunha sociedade globalizada e acelerada existen espazos en que, independentemente de quen sexas e de a onde vaias, sempre te sentirás identificado. O tempo toma unha dimensión diferente da que manexamos no noso ritmo cotián. O destino é o que te coloca, e ese é Compostela.

Deixar una contestación

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *