O TURISMO GALEGO PRESENTOUSE NO PRINCIPAL MERCADO TURÍSTICO DE ASIA

Ademais de estar presentes na feira Jata Travel Showcase, os técnicos de Turismo de Galicia mantiveron reunións de traballo en Tokio cos principais operadores turísticos do Xapón

A Xunta de Galicia promocionou tamén o Turismo galego en Verona (Italia) durante esta fin de semana no Festival Internacional de Xogos de Rúa ‘Tocati’

 A Xunta de Galicia, a través de Turgalicia, da Secretaría Xeral para o Turismo, promocionou ao longo da pasada fin de semana o destino turístico Galicia na principal feira turística de Asia. Ademais, durante este mesmos días, Turismo de Galicia participou na décima edición do Festival Internacional de Xogos de Rúa, Tocati, na cidade italiana de Verona, onde instalouun punto de información turística para a promoción de Galicia.

 Así, Turgalicia instalou por terceiro ano consecutivo un stand dentro do pavillón de promoción de Turespaña na feira JATA Travel Showcase, que se celebrou en Tokio entre os días 21 e 23 de setembro, considerado como o principal mercado turístico de Asia.

 A sociedade pública para a promoción do Turismo galego presentou o destino Galicia no Xapón, dentro deste certame dedicado aos profesionais do Turismo e ao público xeral. Turgalicia presentou un destino multiproduto, con oferta senlleira relacionada coa natureza e os recursos termais; as praias e as cidades.

 Turismo de Galicia estivo tamén presente o pasado venres na xuntanza de traballo que o Instituto de Turismo de España organizou con operadores turísticos xaponeses para promocionar de xeito directo o destino Galicia entre os empresarios turísticos nipones. O hotel Nikko de Tokio foi a sede do workshop ao que acudiron representantes dos principais touroperadores do país que buscan novos destinos para incluír nos seus programas. Os recursos turísticos de Galicia, especialmente a historia, a cultura, a arte, as tradicións, a paisaxe, a natureza e a gastronomía converten á nosa comunidade nun destino óptimo para o turista nipón, que busca autenticidade e algo diferente ás viaxes comúns.

 Promoción en Italia

 Doutra parte, a Xunta de Galicia, a través de Turgalicia, da Secretaría Xeral para o Turismo participou en Verona, Italia, entre os días 21 e 23 de setembro na décima edición do Festival Internacional de Xogos de Rúa, Tocati, ao obxecto de promocionar o Turismo de Galicia no norte de Italia.

 Trátase dun evento cultural consolidado de grande sona mediática, cuxa finalidade é a transmisión da tradición dos xogos de rúa entre o numeroso público asistente, que superou as 300.000 persoas.

 Galicia contou cun punto de información turística na céntrica Praza de Santa Anastasia e achegou a este evento a actuación do grupo folclórico Alén.

 Ademais da presenza na rúa, Turgalicia desenvolveu unha presentación do destino turístico Galicia a axentes turísticos e xornalistas da rexión.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *