O turismo de Galicia viaxa a Rusia para promocionarse na feira Moscow International Travel & Tourism

A Xunta de Galicia, a través de Turgalicia, da Secretaría Xeral para o Turismo, participará neste certame turístico internacional entre os días 21 e 24 de marzo

O Goberno galego aposta pola promoción nos mercados turísticos emerxentes e ademais desta acción, Turgalicia acudiu á feira Guangzhou International Travel Fair de Canton (China) e desenvolverá, xunto con Turespaña unhas xornadas de promoción do destino entre os operadores turísticos das principais cidades rusas. Ademais, promocionará Galicia como destino de Turismo de negocios entre os principais operadores turísticos chineses especializados neste segmento

 

O Turismo de Galicia, a través de Turgalicia, dependente da Secretaría Xeral para o Turismo, promocionarase dende hoxe e ata o 24 de marzo na feira Moscow International Travel & Tourism, que se celebrará na capital rusa e constitúe un dos principais mercados turísticos deste país.

O Turismo galego acude por primeira vez a este certame turístico, cun expositor dentro do stand de Turespaña, para difundir os valores turísticos de Galicia e o Camiño de Santiago na capital de Rusia, onde se concentran o maior número de operadores turísticos e axencias de viaxe deste estado. Se ben, a través de Turgalicia xa se leva feito un traballo de prospección anterior no mercado ruso.

Doutra parte, dentro das accións para a promoción do Turismo de Galicia en Rusia, Turgalicia participará nunha misión comercial –xornadas de promoción directa- nas principais cidades rusas entre os días 4 e 9 de xuño, coa fin de promocionar a oferta turística galega neste mercado.

Mercados emerxentes
Dentro do labor de promoción do Turismo galego que desenvolve a Xunta de Galicia a través de Turgalicia, este ano, ademais de Rusia, apostarase por outro interesante mercado emerxente para Galicia como destino turístico: China.

Así, ademais Galicia participou recentemente na feira Guangzhou International Travel Fair (GITF), o certame turístico máis importante dos que se celebran na populosa provincia de Cantón.

Ademais, Turgalicia participará mañá en Madrid nunha xuntanza de traballo con 15 operadores turísticos chineses especializados en Turismo de negocios, para promocionar Galicia como destino para congresos, convenións e viaxes de incentivo.

Deixar una contestación

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *