O TURISMO DE GALICIA PROMOCIÓNASE NA FEIRA MÁIS IMPORTANTE DO SUR DE ALEMAÑA

Ata o 26 de febreiro, Turgalicia presentará ao oferta turística global da comunidade galega na feira Free de Múnich

Galicia está presente tamén dende onte na feira de campismo e autocaravaning Reise Camping de Essen, no Noroeste do país xermano

 O Turismo galego viaxará  ata o 26 de febreiro ao sur de Alemaña para se promocionar, a través de Turgalicia, dependente da Secretaría Xeral para o Turismo, na feira Free de Múnich.

Deste xeito, a oferta turística global da Comunidade galega estará presente neste evento de promoción do turismo e o lecer, o máis importante dos que se celebran no sur de Alemaña desde hai 42 anos.

Turgalicia promocionará o Turismo galego dentro do stand do Instituto de Turismo de España-Turespaña, no que estará presente toda a oferta turística española.

A promoción turística de Galicia concéntrase estes días en Alemaña xa que tamén Turgalicia está presente na feira Reise Camping de Essen, no Noroeste alemán. Neste caso o evento no que se promociona o turismo de Galicia é moi específico do sector dos acampamentos turísticos.

Neste evento turístico, dedicado ao campismo e o autocaravaning, Turgalicia promocionará a rede de cámpings da comunidade galega e o turismo de natureza, ademais da oferta global e o Camiño de Santiago . A Reise Camping é a feira turística especializada en campismo máis importante de Alemaña que se celebra desde hai máis de 30 anos.

Turistas alemáns

A participación en ambos certames turísticos permitirá influír no mercado turístico alemán, o segundo mercado internacional máis importante para a comunidade galega, xa que o 13% dos estranxeiros que se aloxaron en establecementos regrados de Galicia o ano pasado foron alemáns.

Os alemáns situáronse no segundo lugar despois dos portugueses canto a ocupación hoteleira en Galicia en 2011, segundo os datos do Instituto Nacional de Estatística. A cifra de alemáns aloxados en establecementos turísticos galegos incrementouse un 1% entre 2010 e 2011.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *