O turismo de Galicia promociónase na feira ITB de Berlín, un dos mercados turísticos máis importantes do mundo

Os alemáns supuxeron o 12,3 por cento dos turistas estranxeiros que se aloxaron nos establecementos turísticos regrados da Comunidade galega o ano pasado

 A Xunta de Galicia, a través de Turgalicia, dependente da Secretaría Xeral para o Turismo, presentará a oferta turística de Galicia, para o mercado alemán dende mañá mércores ata o domingo, 11 de marzo, na feira ITB de Berlín (Alemaña), un dos mercados turísticos máis importantes do mundo xunto aos certames World Travel Market (WTM) de Londres e a Feira Internacional do Turismo de Madrid (FITUR).

Neste evento turístico, dedicado ao turismo en xeral, Turgalicia promocionará o novo mapa de xeodestinos turísticos de Galicia e os dez produtos cabeceira de marca, ademais da oferta global e o Camiño de Santiago .

Na ITB farase especial fincapé nos produtos relacionados coa natureza e o Turismo de costa, así como o turismo cultural, que xunto co Camiño de Santiago e as cidades galegas, son os aspectos turísticos de Galicia que máis interese espertan para os turistas alemáns.

Turistas alemáns
A participación neste certame turístico permitirá influír no mercado turístico alemán, o segundo mercado internacional máis importante para Galicia, xa que o 13% dos estranxeiros que se aloxaron en establecementos regrados de Galicia o ano pasado procedían deste país europeo.

Os alemáns situáronse no segundo lugar despois dos portugueses canto a ocupación hoteleira en Galicia en 2011, segundo os datos do Instituto Nacional de Estadística. Ademais, foi un mercado que medrou un 1% entre os anos 2010 e 2011.

Por outra parte, e de acordo cos datos do Instituto de Estudos Turísticos de Galicia, os turistas alemáns, con 48.047 viaxeiros, supuxeron o 14,5 % no tráfico aéreo de Galicia en 2011. En relación ao ano 2010, os viaxeiros alemáns que utilizaron o avión para desprazarse a Galicia medraron caseque un 4%.

Deixar una contestación

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *