O TURISMO DE GALICIA PROMOCIÓNASE EN ITALIA A TAVÉS DA BOLSA DE TURISMO DE MILÁN

Os italianos supuxeron o 9,3 por cento dos turistas estranxeiros que se aloxaron nos establecementos turísticos regrados da Comunidade galega o ano pasado.

A Xunta de Galicia, a través de Turgalicia, dependente da Secretaría Xeral para o Turismo, está a presentar a oferta turística de Galicia, para o mercado italiano desde o pasado día 6 e ata o día 19 de febreiro na feira Bolsa Internacional do Turismo de Milán (BIT).

Turgalicia promociona neste evento a oferta turística xeral- baixo a Marca ‘Galicia, sai mantenere un segreto?- e o Camiño de Santiago, nun certame de carácter global aberto aos profesionais e ao público xeral do norte de Italia.

Trátase da feira turística máis importante de Italia que se celebra desde hai máis de 20 anos, e na que Galicia esperta un grande interese, sobre todo no eido do Turismo de Natureza, a gastronomía, o Turismo de costa e o Camiño de Santiago.

A participación neste certame turístico permitirá influír no mercado turístico italiano, un dos máis importantes para a Comunidade galega, xa que o 9,3 por cento dos estranxeiros que se aloxaron en establecementos regrados de Galicia o ano pasado foron italianos.

Así, os italianos situáronse no cuarto lugar despois dos portugueses, alemáns e franceses en canto a ocupación hoteleira en Galicia en 2011, segundo os datos do Instituto Nacional de Estatística.

Por outra parte, e de acordo cos datos do Instituto de Estudos Turísticos de Galicia, os turistas italianos, con 38.451 viaxeiros, supuxeron o 11,9 por cento no tráfico aéreo de Galicia en 2011.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *