O TITULAR DA XUNTA PRESIDIU O ACTO DE RECOÑECEMENTO AOS ESTABLECEMENTOS CERTIFICADOS CO Q DE CALIDADE TURÍSTICA

Feijóo destaca a aposta da Xunta pola calidade como eixo da política turística reflectida nunha nova lei para o sector, no plan de acción do turismo de Galicia, nos 14 xeodestinos e nas axudas para acadar a certificación “Q”.

Amosa a satisfacción de que, por segundo ano consecutivo, Galicia sexa a primeira comunidade que máis certificados Q de Calidade Turística ten conseguido .

Afirma que unha alternativa baseada na fidelización, na oferta dun produto diferenciado, de calidade é a mellor garantía para consolidar a nosa oferta “neste sector clave da economía” .

Destaca que o turismo supón para Galicia case o 11% do PIB, máis de 100.000 empregos, o 11% da poboación activa da comunidade.

“Non abonda con ofrecer unha ampla diversidade de servizos, hai que ofrecer os mellores”, di, e felicita “aos 234 emprendedores que entenderon a mensaxe”.

 

 

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou  a aposta da Xunta pola calidade como eixo da política turística reflectida nunha nova lei para o sector, no Plan de Acción do Turismo de Galicia, nos 14 xeodestinos e nas axudas para acadar a certificación Q.

“Esta aposta por cambiar cantidade por calidade foi un dos eixes da política turística da Xunta. Primeiro, impulsamos unha nova lei para o sector, que lle dera as maiores garantías e que regulara a calidade. Segundo, impulsamos un Plan de Acción do Turismo de Galicia 2010-2013. Despois, sinalamos os 14 xeodestinos na comunidade e abrimos unha liñas de investimento para que os establecementos que quixeran apostar pola calidade e pola certificación Q o puideran facer”, explicou Feijóo, durante o acto de recoñecemento Q de Calidade Turística en Galicia, que tivo lugar no Balneario de Augas Santas en Pantón.

Nestes momentos de crise, o presidente autonómico recoñeceu que hai razóns para mirar con certo optimismo ao sector turístico, “que está a saber adaptarse –dixo- á actual conxuntura para ofrecer a súa mellor cara, o seu rostro máis competitivo”. “Galicia gozou dun excelente Ano Santo Xacobeo no 2010. O mellor Ano Santo da nosa historia. E en 2011, aumentamos a cifra de visitantes”.

Ao longo da súa intervención, Feijóo resaltou que o turismo supón para Galicia case o 11% do PIB, máis de 100.000 empregos, o 11% da poboación activa da comunidade; “é –aseverou- un dos piares básicos da economía galega e española, que foi transformándose ao longo das últimas dúas décadas, e agora encóntrase na encrucillada da crise, no momento da toma de decisións para elixir o camiño correcto que conduza canto antes á saída deste pozo que é a crise económica”.

Neste sentido, o titular da Xunta afirmou que “a clave chámase calidade”. “Que a alternativa veña da man da fidelización, da oferta dun produto diferenciado, de calidade é a mellor garantía para consolidar a nosa oferta neste sector clave da economía”.

Feijóo amosou a satisfacción de que, por segundo ano consecutivo, Galicia sexa a primeira comunidade que máis certificados Q de Calidade Turística ten conseguido. “Constatar este feito é un gran recoñecemento á labor das máis de 100.000 persoas que traballan no sector turístico galego”.

O presidente da Xunta concluíu reiterando que “non abonda con ofrecer unha ampla diversidade de servizos, hai que ofrecer os mellores”, e felicitou aos 234 establecementos, “aos 234 emprendedores que entenderon a mensaxe”.

Coidar o liderado de Galicia no sector turístico
Pola súa banda a secretaria xeral para o Turismo, Carmen Pardo, resaltou que en Galicia, somos líderes no sector de Instalacións Náutico Deportivas (o 50% das existentes en España están en Galicia, 6 de 12); e somos líderes no sector de Turismo Activo, tamén co 50% das empresas certificadas existentes no Estado (4 de 8). Segundo explicou Pardo, seguimos a ser a primeira comunidade española en establecementos rurais certificados –en total temos 60 dos 216 existentes, o que significa un 27,7% do total- e tamén lideramos a cifra de certificacións no sector Balneario (7 dos 38 balnearios certificados están aquí, o que significa un 18,4%). Do mesmo xeito, Galicia é a comunidade con maior número de aloxamentos turísticos certificados- hoteis, casa de turismo rural e acampamentos-. En total, 106 dos 771 de toda España están en Galicia.

Segundo comentou a secretaria xeral, por primeira vez desde a Administración autonómica se promoveu unha orde específica en 2011 por valor de 300 mil euros, dirixida a establecementos de turismo rural, hoteis, hoteis-talaso e balneario, balnearios, cafeterías, bares, restaurantes, pazos de congresos e empresas dedicadas ao turismo activo co obxecto de implementar as correspondentes normas UNE que conduzan á certificación da marca Q de Calidade Turística do ICTE. A Xunta ten, xa que logo, unha orden específica dentro das axudas ao sector dirixida a implantar e renovar as certificacións Q de Calidade Turística.

Así mesmo, Carmen Pardo explicou que todas as ordes de axuda da SXT conteñen discriminación positiva para o Q. Están dirixidas á potenciación e mellora do sector e contemplan dentro dos criterios de valoración que o establecemento solicitante acredite o seu compromiso coa calidade turística: acreditando certificación da Marca Q ou a súa adhesión ao ICTE, así como o distintivo de Boas Prácticas de Compromiso de Calidade Turística concedido por un destino SICTED na C.A. de Galicia; ou unha certificación de calidade ambiental internacionalmente recoñecida ou ben una certificación de calidade en accesibilidade conforme á norma internacional ISO 170001.

A secretaria xeral comentou que “todos sabemos que o apoio institucional ao sistema de calidade é un dos investimentos máis rendibles porque incide na transformación cualitativa dos negocios turísticos; redunda na satisfacción dos clientes; e reverte na fidelización do destino”. E engadiu que “o traballo na mellora da calidade do destino turístico Galicia é un esforzo de todos e polo tanto é un logro que todos debemos compartir”. Parafraseando a Jim Rohn, Pardo rematou animando aos empresarios a seguir colaborando e esforzándose por facer de Galicia un destino de calidade e recalcando que “para ser exitoso non hai que facer cousas extraordinarias, senón facer cousas ordinarias pero extraordinariamente ben”.

 

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *