O Centro Superior de Hostelería de Galicia recibe a quince chefs estranxeiros para formalos en cociña galega

Os cociñeiros forman parte da quinta edición do Programa de Formación de Xóvenes Profesionais en Gastronomía Española, organizado polo Instituto de Comercio Exterior. E a segunda vez que a formación se traslada ao CSHG

  Por segundo ano consecutivo, o Centro Superior de Hostelería de Galicia, dependente de Turgalicia, da Secretaría Xeral para o Turismo, acolle dende mañá xoves a quince chefs que participan na quinta edición de Formación de Xóvenes Profesionais en Gastronomía Española, un programa organizado polo Instituto Español de Comercio Exterior –ICEX-. O programa formativo, de oito meses de duración e estruturado en tres etapas, recala no Centro Superior de Hostelería de Galicia e conta con chefs procedentes de Suíza, Alemaña, Dinamarca, Rusia, Estados Unidos, Canadá, Brasil, México, China-Hong-Kong, Xapón, Australia, India e Singapur.

Os profesores do CSHG aprenderanlles a elaborar diferentes receitas da gastronomía galega durante toda a xornada de mañá xoves, de 9 a 16 horas. Sobre as 14 horas, o grupo poderá degustar os pratos que se elaborarán na xornada matinal, nun xantar que se servirá acompañado de viños das diferentes Denominacións de Orixe Protexidas de Galicia.

Receitas típicas
Xa pola tarde, os alumnos do programa elaborarán por equipos receitas típicas dos seus países de orixe para que sexan degustadas polos alumnos do Centro Superior de Hostelería de Galicia. Dhruv Oberoi procede da India e cociñará para os alumnos dum biryani. Masahiro Bano é xaponés e cociñará sushi. Pola súa banda, o equipo americano vai cociñar ameixas ao estilo de Nova Inglaterra e o equipo europeo con Christoph Bernd Lars como representante realizará una fantasía de remolacha.

Os cociñeiros terán ocasión de coñecer como se prepara a empanada de bacallau con pasas, os mexilóns, as ameixas á mariñeira, o carpaccio de polbo, os grelos, os cachelos, o caldo galego, a raia, a caldeirada de pescada, a carne ao caldeiro, a torta de queixo e a Tarta de Santiago.

O programa Formación de Xóvenes Profesionais en Gastronomía Española foi creado en 2007 polo ICEX en resposta á crecente proxección internacional da gastronomía española que, nos últimos anos, consolidouse como referencia de creatividade e capacidade de innovación en técnicas culinarias, dando a coñecer a gran diversidade e calidade dos nosos produtos máis emblemáticos. Dende entón, xa se formaron nos mellores restaurantes de España un total de 62 xóvenes chefs.

Con este ambicioso programa de formación búscase familiarizar aos futuros profesionais de alto nivel cos produtos estrela españois, de xeito que se obteña unha maior proxección internacional dos mesmos e se potencie a súa exportación. Así mesmo, preténdese crear unha rede internacional de profesionais con contactos na alta restauración española, que poden servir de punto de apoio para eventuais procesos de internacionalización deste sector, como restaurantes filiais no exterior, proxectos de asistencia técnica ou consultoría. E por último, perséguese transmitir no exterior unha imaxe moderna e actual de España, aproveitando o excelente momento e a proxección internacional dun sector como o culinario, de gran repercusión.

 

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *