Máis de 8,2 millóns de visitantes chegaron a Galicia nos dez primeiros meses do ano

Galicia recibiu nos dez primeiros meses do ano un total de 8.228.454 viaxeiros, un 5,4% máis respecto ao pasado Ano Santo 2010. Esta cifra provén da suma dos 3.396.328 viaxeiros aloxados en establecementos galegos de turismo regrado máis os 4.832.126 excursionistas estranxeiros.

 

Nos dez primeiros meses de 2011 contabilizáronse en Galicia un total de 8.228.454 visitantes. Esta cifra, que supera nun 5,4% o dato rexistrado no mesmo período do Ano Santo 2010, provén da suma dos viaxeiros aloxados nos establecementos regrados da Comunidade máis os excursionistas estranxeiros chegados a Galicia. Así, de xaneiro a outubro, a comunidade galega rexistrou un total de 3.396.328 viaxeiros aloxados en establecementos de turismo regrado, segundo os datos facilitados polo Instituto Nacional de Estadística, e un total de 4.832.126 excursionistas estranxeiros, segundo os datos provisionais que manexa Frontur.

 En detalle, os últimos datos do Instituto Nacional de Estadística (INE) revelan que a nosa comunidade recibiu no período que vai de xaneiro a outubro deste ano un total de 3.396.328 viaxeiros aloxados en establecementos regrados, en particular, os establecementos hoteleiros (con datos ata o mes de outubro) e os extrahoteiros (polo momento cos datos dispoñibles ata o mes de setembro). Analizando as dúas partes por separado, o informe do INE revela que nestes dez meses se contabilizaron nos establecementos hoteleiros un total de 3.003.436 viaxeiros, mentres que nos establecementos extrahoteleiros (apartamentos turísticos, campamentos e establecementos de turismo rural) a cifra dispoñible ata o mes de setembro confirma que se rexistraron 392.892 viaxeiros, á espera de coñecer as cifras finais do último mes.

 A estas cifras hai que sumar o número de excursionistas estranxeiros que chegaron a Galicia e que, segundo os datos provisionais de Frontur, que mide o excursionismo estranxeiro, suman 4.832.126, cun crecemento do 21,6% respecto ao 2010. A maioría deles son excursionistas procedentes de Portugal.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *