Galicia promociónase por primeira vez nunha feira turística en China, a Guangzhou International Travel Fair de Cantón

A Xunta de Galicia, a través de Turgalicia, da Secretaría Xeral para o Turismo, participará neste certame turístico internacional entre os días 1 e 3 de marzo

O Goberno galego aposta este ano pola promoción nos mercados turísticos emerxentes e ademais desta acción, Turgalicia acudirá á feira MIT de Moscú e desenvolverá, xunto con Turespaña, unhas xornadas de promoción do destino entre os operadores turísticos das principais cidades rusas

Turismo de Galicia, a través de Turgalicia, dependente da Secretaría Xeral para o Turismo, promocionarase dende mañá ata o sábado día 3 de marzo na feira Guangzhou International Travel Fair (GITF), que constitúe o mercado turístico máis importante do sur de China. Esta iniciativa xurde dun traballo de prospección desenvolvido por Turgalicia que durou dous anos e no que se estudaron as potencialidades para Galicia do mercado chinés.

O Turismo galego acude por primeira vez a este certame turístico, cun expositor dentro do stand de Turespaña, para difundir os valores turísticos de Galicia e o Camiño de Santiago nunha das rexións chinesas que conta co maior número de operadores turísticos e axencias de viaxe do país asiático. Trátase da primeira vez que Turgalicia asiste a unha feira turística no país asiático.

Por outra parte, dentro das accións para a promoción do Turismo de Galicia en China, Turgalicia tamén mantén desde o ano pasado un sito web en chinés cos datos turísticos máis importantes da Comunidade galega.

Mercados emerxentes
Dentro da labor de promoción do Turismo galego que desenvolve a Xunta de Galicia a través de Turgalicia, este ano apostarase polos determinados mercados emerxentes como é o caso de Rusia.

Así, Galicia participará ao longo do mes de marzo na feira Moscow International Travel & Tourism, o certame turístico máis importante dos que se celebran en Rusia.

Ademais, no mes de xuño, Turgalicia participará nunha misión turística organizada por Turespaña para promocionar o Turismo galego entre os operadores turísticos das cidades rusas máis importantes.

Deixar una contestación

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *