Galicia participa por segundo ano consecutivo na Feira Internacional de Ornitoloxía que se celebra en Estremadura

Trátase do certame turístico máis importante do sector en España e celébrase no Parque nacional de Monfragüe dende onte ata o domingo 4 de marzo

 

A Xunta de Galicia, a través de Turgalicia, da Secretaría Xeral para o Turismo participará por segundo ano consecutivo na Feira Internacional de Ornitoloxía, FIO, o certame do Turismo ornitolóxico máis importante de España, que se celebrará do 2 ao 4 de marzo de 2012 en Villarreal de San Carlos (Cáceres).

Turgalicia instalará un stand modular no que os visitantes e profesionais que se acheguen ata o Parque Nacional de Monfragüe, onde terá lugar a feira, poderán coñecer os 61 espazos de alto interese ornitolóxico identificados en Galicia e repartidos polos 14 xeodestinos turísticos definidos no noso país.

Estes espazos están clasificados segundo os hábitats, e deste xeito podemos atopar zonas de litoral e mar aberto; áreas agrosilvopastorís; canóns e vales fluviais, áreas montañosas e boscosas; humedais interiores e contornas urbanas.

Especial protagonismo terán as dez áreas identificadas como o mellor das zonas de alto interese ornitolóxico, que son: Estaca de Bares e O Barqueiro; Ría de Ortigueira e Ladrido; Costa das Morte; Complexo Ons-O Grove; Humedais da Terra Chá; Montes de Cervantes (Os Ancares); Ribeira Sacra Sur (Canón do Sil), Serra da Enciña da Lastra; A Limia; Oímbra, Monterrei e Verín.

Paralelamente á actividade feiral, tamén se desenvolverá un programa de actividades para os visitantes e expositores, xornadas técnicas e un encontro de traballo con operadores turísticos especializados.

Deixar una contestación

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *