Galicia é a comunidade líder en instalacións náutico-deportivas certificadas coa marca ‘Q’ de Calidade Turística

A secretaria xeral para o Turismo estivo onte en Madrid no acto de entrega das Bandeiras ‘Q’ de Calidade Turística, que estivo presidido polo Ministro de Industria, Enerxía e Turismo; a Secretaria de Estado de Turismo e mais o presidente do Instituto para a Calidade Turística Española

Nove praias –dúas máis que en 2011- e seis estacións náutico-deportivas galegas contan con este distintivo. Galicia é a comunidade con máis estacións náuticas certificas, con 6 das 12 que contan en todo o Estado con este distintivo

Galicia foi premiada en Fitur 2012 por ser, por segundo ano consecutivo, a comunidade na que máis aumentaron os establecementos certificados coa Q de Calidade Turística

 

Galicia é a Comunidade Autónoma española que conta con máis instalacións náutico-deportivas distinguidas coa Bandeira ‘Q’ de Calidade Turística Española. En total, 6 das 12 estacións que existen en España con esta certificación atópanse en Galicia. Son o Club Náutico Ría de Ares; o Club Náutico Deportivo Ribeira; o Club Náutico de Sada; o Club Náutico de Ribadeo; o Club Náutico de Portonovo e mais o Porto Deportivo Vigo de Real Club Náutico de Vigo.

As estacións náuticas están certificadas baixo a norma UNE 188004 e recibiron na quinta edición do acto de entrega das Bandeiras ‘Q’ de Calidade Turística que se celebrou esta mañá en Madrid a marca que os acredita como garantes dun sistema de calidade. Esta norma comezou a implantarse hai dous anos e durante o ano pasado foron certificados 10 clubes náuticos, 6 deles en Galicia, que revalidaron a súa certificación este ano.

Ademais das estacións náuticas, Galicia conta tamén con nove praias certificadas con este distintivo, dúas máis que en 2011, ao sumárense as praias de Os Castros e As Catedrais, ambas no concello de Ribadeo. A listaxe de praias distinguidas en Galicia, ademais desta dúas, inclúe tamén a praia da Retorta, a praia de Mañóns e mais a de Carragueiros, as tres en Boiro; a praia de Laxe, en Laxe; a praia da Rapadoira, en Foz; e mais a praia de Area e a de Covas en Viveiro.

Ademais da secretaria xeral para o Turismo, Carmen Pardo, ao acto, que estivo presidido polo ministro de Industria, Enerxía e Turismo, José Manuel Soria, e mais pola secretaria de Estado para o Turismo, Isabel Borrego e o presidente do ICTE, Miguel Mirones, asistiron por parte de Galicia os rexedores municipais de Boiro e Foz e mais o concelleiro de Seguridade Cidadá de Viveiro.

Un total de 82 concellos de 9 Comunidades Autónomas recibiron da man de José Manuel Soria os distintivos que acreditan a 174 praias e 12 instalacións náutico deportivas. Galicia é a quinta comunidade en número de praias certificadas.

Para valorar o cumprimento das normas UNE asociadas ao sector turístico cóntase con expertos auditores de AENOR, APPLus, Bureau Veritas, Lloyd’s Register, OCA Cert, SGS e Tüv Rheinland, que avalían e informan sobre o estado das empresas e organizacións turísticas emitindo un informe posterior que será estudado polos Comités de Certificación do Instituto, que outorgarán ou non a Marca ‘Q’.

O Instituto para a Calidade Turística Española, organismo encargado de outorgar a Marca ‘Q’, é unha entidade privada de certificación especialmente creada no ano 2000 para o desenvolvemento da calidade no sector turístico, os seus membros son as organizacións empresariais turísticas máis importantes deste país. Conta tamén coa participación da Secretaria de Estado de Turismo, as Comunidades Autónomas e a Federación Española de Municipios e Provincias.

A Q de Calidade en Galicia
Na actualidade, o territorio galego conta con 234 empresas turísticas nas que se loce o distintivo Q. Galicia pasou de ser a quinta a ser a cuarta comunidade española en Q de Calidade Turística, superando este ano a Cataluña.

Galicia é líder en instalacións náutico deportivas pero tamén no sector de turismo activo, en ambos casos contamos co 50% das empresas certificadas de todo o territorio español. Seguimos sendo a primeira comunidade en establecementos rurais certificados –con 60 dos 215 existentes- e tamén somos líderes no sector balneario, con 7 dos 38 certificados.

Galicia é a comunidade con maior número de aloxamentos turísticos certificados –hoteis, casas de turismo rural e acampamentos turísticos-. En total, 106 dos 771 de toda España están en Galicia. Galicia ocupa a segunda posición no tocante ás axencias de viaxes e palacios de congresos.

Deixar una contestación

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *