Fin do ano Xubilar da Misericordia

Este domingo 13 de novembro, ás 17 horas, o arcebispo, monseñor Julián Barrio, selará o acceso á Porta Santa da Catedral de Santiago, pola finalización do ano Xubilar da Misericordia. Ás 16 horas vetarase a entrada ao público e darán comezo os preparativos. O Arcebispo presidirá a procesión que concluirá ao acceder á Catedral pola porta da praza da Quintana. Ao terminar terá lugar a misa de acción de grazas.

A Porta Santa da Catedral de Santiago de Compostela permanecerá pechada ata o próximo Ano Xacobeo, no 2021. Considérase Ano Xacobeo cando o 25 de xullo coincide en domingo.

Ademais, ese mesmo día pecharanse todas as Portas Santas do mundo, agás a porta de San Pedro, que se selará o domingo 20, polo Papa Francisco I.

O primeiro Ano Xubilar tivo lugar no ano 1.300 por iniciativa do Papa Bonifacio VIII, pretendíase celebrar cada 50 anos, coincidindo co costume xudeu, pero decidiuse que fose cada 25 anos para que cada xeración puidese celebralo polo menos unha vez.

Así concluirá o Ano Santo da Misericordia, onde se entregaron ao redor de 263 mil compostelás, superando nestes dez meses a todo o ano 2015. Os turistas veñen de todas as partes do mundo, xa sexa en grupos, confrarías, colexios ou de forma independente.

Aínda estades a tempo de poder acceder este ano pola Porta Santa ata o día 13 de novembro. Pero calquera momento, aínda que non coincida con Ano Santo, é bo para facer o Camiño de Santiago.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *