Comeza o II Circuíto de Golf Sénior Turismo de Galicia

Na primeira proba desta competición organizada pola Xunta, a través de Turgalicia co obxectivo de consolidar a Comunidade galega como destino de golf, participaron 80 xogadores. O circuíto deu comezo na capital de España

Desenvolveranse outras cinco probas ademais da de Madrid, en Navarra, Oviedo, Salamanca, Biscaia e Cantabria, antes da gran final que terá lugar en Galicia

Esta iniciativa enmárcase dentro do Plan de Turismo de Golf 2010-2013 de Turismo de Galicia
 

Onte comezou no Club Jarama RACE de Madrid o II Circuíto de golf sénior Turismo de Galicia, organizado pola Xunta de Galicia, a través de Turgalicia, da Secretaría Xeral para o Turismo, co obxectivo de consolidar a Comunidade galega como destino turístico de golf.

Este torneo desenvólvese logo da celebración do I Circuíto de golf sénior Turgalicia, que tivo lugar o ano 2011 e no que participaron máis de 350 golfistas.

As probas do II Circuíto de golf sénior Turismo de Galicia celebraranse entre os días 26 de xuño e 12 de xullo, nos campos Club Jarama RACE, hoxe, Club de golf Zuasti, Navarra; Real Club de Golf La Barganiza, Oviedo; Campo de Golf de Salamanca; Real Sociedad de Golf de Neguri, Biscaia; e Golf Santa Marina, en Cantabria.

Os días 11 e 12 de setembro a gran final do circuíto celebrarse no Hotel Balneario Augas Santas en Pantón.

Produto turístico
Desde o punto de vista da promoción turística de Galicia, o Circuíto de golf sénior consiste na creación dun produto destinado ao xogador de golf sénior, concibido mediante a combinación de tres atributos específicos integrados nas fortalezas da oferta turística galega: termalismo, gastronomía e campos de golf.

Os obxectivos do produto de golf sénior son, por unha parte, posicionar Galicia como o destino ideal para o xogador de golf de máis idade e atraer os xogadores nacionais deste perfil para que visiten a Comunidade galega, ofrecéndolles unha alternativa turística diferenciada e altamente valorada por estes.

Ademais, con esta iniciativa, preténdese servir de enlace entre a industria do golf e a industria turística local.

Este circuíto de golf facilitará tamén a presentación da oferta de campos e servizos turísticos mediante un produto estratexicamente diferenciado.

Plan de Turismo de Golf 2010-2013
O circuíto que hoxe da comezo en Madrid constitúe unha das iniciativas que se enmarcan no Plan de Turismo de Golf 2010-2013 de Turismo de Galicia que ten por obxectivos:

-Poñer en valor a oferta de golf, creando as pautas adecuadas para que o produto golf sexa comercializado.
-Ordenar a oferta de golf, de tal xeito que se integre e quede vertebrada cos diferentes recursos turísticos que sexan complementarios e se beneficien sinerxicamente, achegando un novo turismo, que ademais desestacionalice a demanda.
-Introducir o recurso de Golf Galicia nas canles de comercialización nacional e internacional.

 

 

Deixar una contestación

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *