Catro grupos de xornalistas e operadores internacionais percorren Galicia en abril para coñecer a súa oferta turística

Os participantes nestas viaxes organizadas pola Secretaría Xeral para o Turismo a través de Turgalicia visitarán varias vilas e cidades galegas

 

Catro grupos de xornalistas e operadores turísticos internacionais percorrerán ao longo do mes de abril varias vilas e cidades do territorio galego ao obxecto de coñecer a oferta turística de Galicia e prescribir os atractivos desta entre os lectores dos medios de comunicación e clientes das empresas turísticas participantes nestas viaxes de familiarización turísticas, organizadas pola Xunta de Galicia, a través de Turgalicia, da Secretaría Xeral para o Turismo.

Así, entre os días 15 e 18 de abril, dous xornalistas da revista Condé Nast Traveller, do Reino Unido, participarán nunha viaxe de familiarización organizada en colaboración coa Oficina de Turismo de España en Londres baixo o nome Relax no mar, ao obxecto de difundir entre o público británico os atractivos das zonas costeiras máis senlleiras de Galicia por medio dun suplemento especial que realizará esta publicación no seu número de verán.

Doutra parte, os mesmos días 15 e 18 de abril, o xornalista británico do Daily Telegraph visitará a cidade da Coruña para elaborar un traballo xornalístico sobre as guerras napoleónicas. Neste caso, centrarase na figura do heroe da batalla de Elviña John Moore e na oferta turística da cidade herculina.

Ademais xa no mes de maio, un colaborador da revista Signature, medio corporativo para socios de Diners Club, visitará a cidade de Santiago de Compostela, entre os días 15 e 17, para dar a coñecer a súa oferta turística entre os lectores desta publicación.

Operadores turísticos

Dentro das viaxes de familiarización previstas para este mes de abril, está tamén a visita dun grupo de axencias de viaxes organizada por Turgalicia en colaboración coa Oficina de Turismo de España en Milán e a empresa pública Paradores.

Estes axentes de viaxe italianos visitarán os paradores de Santiago de Compostela, Pontevedra, Cambados, Baiona e Santo Estevo de Ribas de Sil, ademais da oferta complementaria dos lugares onde están radicados estes establecementos turísticos.

Próximas viaxes de familiarización

Ao longo dos vindeiros meses visitará Galicia un grupo de xornalistas mexicanos que coñecerán a oferta enogastronómica da Comunidade galega, baixo o produto cabeceira da marca do Turismo de Galicia Paseando entre viñedos.

Dentro da estratexia de dar a coñecer os novos produtos da marca turística de Galicia, tamén está prevista a visita dun grupo de operadores turísticos alemáns que poderán coñecer o produto Lugares únicos.

Ademais, un grupo de xornalistas do sur de Alemaña visitarán Galicia para coñecer o produto cabeceira de marca Santuarios máxicos, e outro grupo de asociacións de amigos do Camiño de Santiago en Alemaña poderán coñecer a oferta de Turgalicia Bono Iacobus, que combina o Camiño de Santiago con estancias en aloxamentos de Turismo Rural de Galicia.

Recentemente, no pasado mes de marzo, nove axentes de viaxe asociados ao operador turístico británico Kiker Holydays e nove xornalistas franceses especializados en Turismo e estilo de vida, visitaron parte dos principais xardíns vinculados á Ruta da Camelia, así como a exposición da camelia que se celebrou en Vilagarcía de Arousa e as cidades de Santiago de Compostela e A Coruña.

Deixar una contestación

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *