Carmen Pita presenta as excelencias da cociña galega na Feira Internacional de Gastronomía ‘Millesime 2011’

 

 

A xerente de Turgalicia, Carmen Pita, defendeu en México D.F. a oferta gastronómica da nosa comunidade destacando que Galicia “soubo combinar, como poucas, tradición e modernidade, dous ingredientes fundamentais para garantir a satisfacción de todos os visitantes”.

Os restauradores galegos Marcelo Tejedor, Juan Crujeiras, Yayo Daporta e Xosé Torres Cannas participan neste evento da man da Consellería de Cultura e Turismo, ofrecendo explicacións, demostracións e showcookings para mostrar a singularidade da nosa cociña.

 

A xerente da Sociedade de Imaxe e Promoción Turística de Galicia, Carmen Pita, vén de presentar a oferta gastronómica da nosa comunidade no marco de Millesime 2011, evento internacional que se está a desenvolver en México D.F. desde o pasado martes día 15. Carmen Pita destacou a importancia de que unha vez máis Galicia acuda a esta feira “a mostrar as excelencias da nosa cociña a expertos e profesionais do mundo da restauración”. Na súa presentación, a xerente de Turgalicia estivo acompañada polos cociñeiros galegos Marcelo Tejerdor, Juan Crujeiras, Yayo Daporta e Xosé Torres Cannas, os tres últimos galardoados cunha Estrela Michelin en 2011. Os restauradores galegos participan neste evento da man da Consellería de Cultura e Turismo, ofrecendo explicacións, demostracións e showcookings para mostrar a singularidade da nosa cociña.

A xerente de Turgalicia recordou que “a gastronomía é outra manifestación cultural dun pobo e non podía ser diferente no caso da nosa terra, posto que en Galicia, tras a natureza, a gastronomía é a segunda motivación turística que suscita en miles de persoas o interese en descubrir, cada ano, a nosa comunidade”. Deste xeito, Carmen Pita afirmou que “as despensas galegas contan cunha das ofertas máis interesantes de todo o país, cunha ampla e variada gama de materias de primeirísima calidade, onde abundan os pratos relacionados co peixe e o marisco, diversas carnes, e os produtos da horta, ademais de pastelaría tradicional e catro denominacións de orixe de queixos”. A directora xerente tamén recordou que estes pratos sempre van acompañados de excelentes viños brancos e tintos galegos.

Na súa intervención, Pita asegurou que “Galicia soubo combinar, como poucas, tradición e modernidade, dous ingredientes fundamentais para garantir a satisfacción de todos os visitantes”. “A confección de receitas milenarias adaptadas aos novos tempos grazas a prestixiosos profesionais de renome son unha garantía da singularidade da nosa gastronomía”, engadiu. A xerente rematou a súa intervención animando aos asistentes a “soñar coa certeza dunha terra tan máxica e real como é Galicia, repleta de camiños para percorrer e de sabores antigos e inéditos para explorar”.

Promoción directa
Esta é a primeira edición da feira gastronómica Millesime na capital mexicana, despois de celebrarse en cinco ocasións en Madrid e outras dúas na República Dominicana e Brasil. Millesime inclúe workshops ou pequenas aulas maxistrais que ofrecen a posibilidade única de interactuar cos mestres millesime –cociñeiros de grande renome e prestixio internacional- en degustacións de viño, cervexa e cociñando con eles, cociña fácil para sorprender e cociña dos sentidos. Neste contexto, a Consellería de Cultura e Turismo trouxo a esta feira internacional a catro dos cociñeiros máis destacados da nosa Comunidade, co obxectivo de expandir o valor e singularidade da nosa gastronomía.

Asemade, Millesime tamén organiza eventos relacionados coas tapas e a súa elaboración e degustación no Open bar, xantares nos que os 800 convidados poden gozar de experiencias únicas con equipos de chefs españois -entre eles os galegos- e mexicanos, que se encargan de elaborar pratos con degustacións sorprendentes. Despois dos xantares tamén se pode degustar, no Open bar, cocktails, doces, chocolates, destilados e outros produtos.
 

Deixar una contestación

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *