Carmen Pardo anuncia no Foro de Turismo de Sanxenxo que a Xunta dotará cun importe total de 6,6 millóns de euros as axudas para os establecementos privados do sector turístico

No prazo dun mes publicaranse a totalidade das axudas ao sector turístico por un importe total de 6.600.000 euros. Xa saíron publicadas as ordes de subvención para Axencias de Viaxes, Acampamentos, Calidade, Albergues e Empresas de Turismo Activo

A secretaria xeral para o Turismo fixo un repaso na clausura do foro polas principais actuacións da Xunta de Galicia en materia de Turismo

A secretaria xeral para o Turismo da Xunta de Galicia, Carmen Pardo, anunciou en Sanxenxo no marco do Foro de Turismo organizado polo Concello e mais o Consorcio de Empresarios Turísticos de Sanxenxo que Turismo de Galicia está a facer públicas durante este mes as ordes de axudas para os establecementos privados do sector turístico galego que, en conxunto, contarán cunha dotación total de 6,6 millóns de euros. A semana pasada e esta mesma semana fixéronse públicas as ordes de axudas a Axencias de Viaxes para a comercialización e promoción do destino Galicia, así como a orde de axudas para actuacións de mellora en Acampamentos Turísticos; para a implantación, mantemento e renovación de certificacións Q de Calidade Turística; así como a primeira orde de mellora de Albergues Turísticos.

Do mesmo xeito, Carmen Pardo repasou as principais medidas acometidas dende o seu departamento tendo como folla de ruta o Plan de Acción de Turismo de Galicia 2010-2013, que xa está executado no 50% das 56 liñas de actuación que contén. Segundo resaltou, a actividade xerada polo turismo en Galicia segundo o último informe de Impactur ascendeu a 6.138 millóns de euros, o 10,6% do PIB, cun 7,5% de efectos directos sobre a economía e un 3,1% de efectos indirectos. O peso do turismo no emprego situouse no 2010 no 7,2%, o valor máis alto da última década. Segundo recalcou Pardo, a estadía media, o turismo internacional, o gasto dos turistas estranxeiros e o gasto medio tamén se incrementaron no 2011 a respecto do 2010, ano récord para Galicia en cifra de viaxeiros.

Entre as medidas que salientou a secretaria xeral destacou no marco da política de Ordenación Turística a modificación da Lei de Turismo e o desenvolvemento regulamentario da mesma; a modificación do decreto que regula a sinalización turística e o Manual de Sinalización Turística; ou a nova zonificación turística en xeodestinos do territorio galego que recolle a singularidade turística dos 14 microdestinos de Galicia.

Tamén salientou que por primeira vez se levou a cabo en Galicia unha campaña de sensibilización dos axentes turísticos galegos e tamén iniciativas de formación como os cursos de idiomas gratuítos dirixidos ao sector ou o Plan de Formación para a Excelencia Turística, pioneiro no Estado e dotado cun millón de euros procedentes nun 90% da Escola de Organización Industrial.

Carmen Pardo explicou que a aposta “pola calidade versus cantidade” así como pola diferenciación ten sido unha das súas máximas á hora de xestionar a Administración Turística Galega e comentou que “dende a Xunta se están a realizar grandes esforzos para converter Galicia nun referente turístico de calidade”. Galicia é a comunidade autónoma española na que máis aumentaron os establecementos certificados co distintivo Q e tamén comentou que ademais dos 234 establecementos turísticos con distintivo Q, en Galicia hai 5 destinos con Sistema Integral de Calidade Turística en Destino (SICTED), entre os que se atopa Sanxenxo.

Ademais repasou as medidas relacionadas co primeiro Plan Especial de Inspección Turística que se levou adiante en verán de 2011 e que terá continuidade este verán, así como a aposta pola potenciación de recursos que nos fan máis competitivos e nos axudan a captar novos mercados como a enogastronomía ou o golf, con sendos Plans específicos; o apoio ao termalismo e a aposta pola comercilización e o desenvolvemento de paquetes turísticos con iniciativas como o programa Vive Galicia –un programa de comercialización da oferta a través de 100 paquetes de turismo experiencial divididos en oito áreas temáticas que neste 2012 chega á súa terceira edición-.

A consolidación da primeira Marca Turística de Galicia e mais a creación dos Produtos Cabeceira da Marca Galicia así como o xiro á comunicación turística que se levou a cabo dende Turgalicia coa introdución das novas tecnoloxías e das redes sociais nas actuacións comunicativas do Turismo galego tamén foron iniciativas repasadas na intervención da responsable da Administración Turística galega.

As obras de acondicionamento para uso turístico así como os Plans de Activación de Destinos Turísticos nos que se traballa dende Turismo de Galicia completaron este repaso pola política turística da Xunta de Galicia.

A secretaria xeral para o Turismo felicitou ao CETS pola iniciativa de ter organizado este importante evento no municipio que por oitavo ano consecutivo obtén o maior número de Bandeiras Azuis de toda España.

 

Deixar una contestación

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *