Björk actuará este venres ás 22:30 horas na Cidade da Cultura de Galicia despois do seu regreso aos escenarios esta fin de semana en Marrocos

Björk estará este venres 22 de xuño a partir das 22:30 horas na praza exterior da Cidade da Cultura, onde ofrecerá un espectáculo sensorial que combina vídeo, unha iluminación espectacular e unha paisaxes sonoras únicas

Björk regresou o pasado venres aos escenarios coa súa voz totalmente recuperada e ofrecendo un vibrante concerto,un anticipo do espectáculo que ofrecerá o vindeiro día 22 a partir das 22:30 horas na praza exterior da Cidade da Cultura de Galicia. Tras verse obrigada a suspender a súa xira por problemas na súa voz, o esperado regreso da artista islandesa tivo lugar este venres no Festival de Músicas Sacras celebrado en Fez (Marrocos) onde volveu dar mostra do poderío dunha voz tan única como particular, que acompañou dun coro formado por trece persoas e un completo espectáculo visual e sensorial que trasladará o 22 de xuño á Cidade da Cultura de Galicia.

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria quere recordar que o concerto deste venres no Gaiás é a última oportunidade para ver este ano a Björk en España e Portugal, tras verse obrigada a suspender as outras actuacións que tiña previstas na Península. As entradas para este concerto están á venda en Servinova, Novagaliciabanco, FNAC, Ticketmaster, Halcón Viajes, Carrefour e a propia Cidade da Cultura a un prezo de 40 euros máis gastos de xestión. No caso de non esgotarse antes do evento, poderanse mercar as entradas nos despachos de billetes habilitados para o efecto na zona de aparcamento da Cidade da Cultura a partir das 16:00 horas do venres 22 de xuño, a un prezo de 45 euros. A apertura de portas do recinto habilitado para o espectáculo terá lugar tres horas antes de que dea comezo a actuación: ás 19:30 horas.

Espectáculo para os cinco sentidos

Cosmogony foi o tema elixido por Björk para o seu regreso aos escenarios, deixando patente que a recuperación da súas cordas vogais é total. A artista islandesa despregou un auténtico espectáculo para os cinco sentidos, cun repertorio no que combinou temas dos seu último traballo, Biophilia, con algúns dos seus máis grandes éxitos como Declare Independence. Unha actuación que poderán gozar en primeira persoa todos os que este venres se acheguen á praza exterior do Gaiás, que se estrea como escenario de grandes concertos internacionais de primeiro nivel coa actuación dunha das grandes referencias da música contemporánea dos últimos vinte anos.

Servizo especial de autobuses

Para subir do centro da cidade de Santiago ata o Gaiás, os fans de Björk disporán dun servizo de autobuses especial desde as 19:00 horas, media hora antes de que se permita o acceso ao recinto do concerto e ata o seu inicio, previsto para as 22:30 horas. A frecuencia será cada vinte minutos aproximadamente, e o punto de saída: a rúa Ramón Piñeiro (na rúa lateral do Parlamento de Galicia, nos soportais dos antigos Cines Compostela) e o prezo do billete, un euro.

O acceso tamén se poderá realizar en coche particular, para os que se habilitarán tres aparcamentos no complexo, aínda que haberá un número limitado de prazas (Ver plano adxunto). Por este motivo, a organización recomenda encarecidamente utilizar o transporte público para evitar posibles aglomeracións e atascos e facilitar un acceso fluído ao Gaiás.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *