A Xunta promove o Día Mundial do Turismo

 A Xunta promove o Día Mundial do Turismo cunha visita ao Gaiás na que participarán as 55 primeiras persoas que se acheguen ás oficinas de turismo. Desde mañá, luns, e ata o vindeiro xoves, estarán dispoñibles as prazas gratuítas para aquelas persoas que reserven a súa visita nas oficinas que a Xunta de Galicia ten distribuídas pola xeografía galega.

Santiago.- Con motivo da celebración do Día Mundial do Turismo, que se celebra anualmente durante a xornada do 27 de setembro, a Consellería de Cultura e Turismo, a través da Secretaría Xeral para o Turismo e a Fundación Cidade da Cultura de Galicia, organizará unha xornada no Gaiás na que os participantes coñecerán o complexo arquitectónico, que xa se ten convertido nunha das iconas turísticas da Comunidade galega.

Esta iniciativa está reservada ás primeiras 55 persoas que acudan ás oficinas de Turismo da Xunta de Galicia, situadas nas cidades da Coruña, Ferrol, Santiago de Compostela, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo, ademais de Vilagarcía de Arousa e Tui, indicando a súa intención de realizar a visita á Cidade da Cultura de Galicia programada para a celebración do Día Mundial do Turismo.

A reserva das prazas terá que realizarse entre os días 19 e 22 de setembro, ambos incluídos, en horario de 10,00 horas a 14,00 horas, nas anteditas oficinas de Turismo.

Bono/convite
Os interesados recibirán un bono/convite que inclúe a visita e o desprazamento e ida e volta gratuítos en autobús entre o complexo arquitectónico e as localidades nas que se sitúan as oficinas de Turismo da Xunta de Galicia.

Para visitar a Cidade da Cultura de Galicia o Día Mundial do Turismo entregaranse, como máximo, dous convites por persoa.

Deixar una contestación

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *