A Xunta promocionará os portos galegos como destino de cruceiros na Feira Sea Trade Cruise Shipping que se celebra esta semana en Miami

A Secretaría Xeral para o Turismo, a través da Sociedade de Imaxe e Promoción Turística de Galicia estará presente neste certame que se celebrará na cidade estadounidense dende onte luns ata o xoves 15 de marzo

A Xunta de Galicia, a través de Turgalicia, da Secretaría Xeral para o Turismo promocionará os principais portos galegos como destino para os cruceiros internacionais nun dos mercados máis importantes do mundo: a feira Sea Trade Cruise Shipping, que se celebrará entre os días 12 e 15 de marzo, en Miami, nos Estados Unidos.

Trátase do certame profesional máis importante neste segmento no ámbito mundial, e nel participan os empresarios máis importantes do ámbito internacional, así como entidades administrativas e xestoras dos portos.

Nesta ocasión, Turgalicia contará cun módulo de promoción dentro do stand xeral de Turespaña, na que, ademais de información sobre os portos galegos, se difundirán propostas sobre a oferta turística global da nosa comunidade.

Turismo de cruceiros

Segundo os datos facilitados por Puertos del Estado, os pasaxeiros chegados a Galicia de xaneiro a decembro de 2011 acadaron os 392.051. Isto supón un 26,7% máis que os rexistrados no mesmo período do ano anterior.

No tocante á cifra de pasaxeiros de cruceiros chegados as portos de España a cifra total de pasaxeiros rexistrados durante todo o ano 2011 superou nun 11,8% á rexistrada no ano anterior.
 

 

Deixar una contestación

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *