A Xunta promociona o turismo de negocios de Galicia entre os principais operadores turísticos chineses

Turismo de Galicia, a través de Turgalicia, participou onte en Madrid nun encontro con 15 empresarios de Cantón, Pekín e Shangai

A Xunta de Galicia, a través de Turgalicia, dependente da Secretaría Xeral para o Turismo, promocionará a oferta turística de Galicia relacionada co Turismo de negocios entre os principais operadores turísiticos chineses, nunha xuntanza de traballo, organizada pola Oficina de España en Pekín, que se desenvolveu en Madrid.

Así, entre as 18:00 horas e as 21:00 horas de onte, a delegación de empresarios turísticos chineses especializados na organización de congresos, convencións e viaxes de incentivo reunirase con representantes de Turismo de distintas comunidades autónomas españolas, entre as que se atopa Galicia.

Esta delegación empresarial estivo integrada por 15 operadores turísticos de China, procedentes das rexións de Cantón, Pekín e Shangai.

Oferta galega

Nesta xuntanza de traballo participou un representante da Sociedade de Imaxe e Promoción Turística de Galicia, que foio encargado de promocionar a oferta de Galicia no eido do Turismo de negocios entre os empresarios chineses.

Galicia presentouse nesta xuntanza como un destino atractivo para a organización de reunións profesionais e convencións de empresa para o mercado de China, con distintas posibilidades e unha oferta variada en canto a instalacións e contornas.

O Turismo de negocios en Galicia xera anualmente máis de 43 millóns de euros, e, segundo estudos de Turgalicia, na Comunidade galega celébranse arredor de 1.000 eventos anuais, dos que o 60 por cento son congresos, o 30 por cento convencións e o 10 por cento restante, viaxes de incentivo.

En Galicia existen tres pazos de congresos, nas cidades da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo, e o resto das sete grandes cidades galegas, tamén contan con infraestruturas para albergar xuntanzas profesionais.

 

Deixar una contestación

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *