A Xunta promociona o turismo de Galicia entre os operadores turísticos de Brasil, Arxentina e Chile

A Xunta de Galicia, a través de Turgalicia, da Secretaría Xeral para o Turismo, participará dende onte ata o xoves 17 de maio nas xornadas de promoción directa para os mercados emerxentes de América do Sur, ao obxecto de promocionar a oferta turística galega entre os operadores turísticos máis salientables de Brasil, Arxentina e Chile.

Nesta misión, organizada polo Instituto de Turismo de España, Turespaña, Turgalicia participará en tres xuntanzas de traballo cos operadores turísticos sudamericanos que se celebrarán en Sao Paulo, Bos Aires e Santiago de Chile.

A xira promocional comezou en Sao Paulo o día e rematará en Santiago de Chile.

Programa
O programa iniciouse cun almorzo con xornalistas especializados en Turismo e viaxes en Sao Paulo, ao que lle seguirá a xuntanza de traballo cos principais operadores turísticos brasileiros no Consulado Xeral de España.

Mañá, día 16 de maio celebrarase a xuntanza de traballo cos operadores turísticos arxentinos, no Pazo de San Miguel de Bos Aires. Nesta xuntanza tamén participarán xornalistas arxentinos especializados en Turismo.

Xa, o día 17 de maio, terá lugar o último encontro con operadores turísticos sudamericanos, nunha xuntanza que se desenvolverá no Club de Golf da capital chilena.

Mercados emerxentes
Con esta xira promocional, Turismo de Galicia mantén a súa aposta este ano pola difusión da oferta turística galega nos mercados emerxentes máis interesantes do panorama internacional. Así, Galicia participou ao longo do mes de marzo na feira Moscow International Travel & Tourism, o certame turístico máis importante dos que se celebran en Rusia.

Tamén para o mercado ruso, no mes de xuño, Turgalicia participará nunha misión turística organizada por Turespaña para promocionar o Turismo galego entre os operadores turísticos das cidades rusas máis importantes.

Neste ámbito, a Xunta de Galicia, a través de Turgalicia, tamén participou a finais do pasado mes de febreiro na feira Guangzhou International Travel Fair (GITF), que constitúe o mercado turístico máis importante do sur de China

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *