A Xunta presenta o mapa de Xeodestinos de Galicia

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, presidiu, esta mañá, o acto de presentación dos Xeodestinos Turísticos de Galicia, un mapa de 14 xeodestinos para extraer “todo o potencial do destino Galicia”, cunha oferta diversificada, que permita incrementar a estancia media dos visitantes. “Cada parte conta para o todo. Cada recuncho desta terra engrandece o destino Galicia e por iso, cómpre que os articulemos ben”, destacou Feijóo.

Feijóo salienta que en poucas terras coma a nosa se mesturan tantas tendencias e conflúen tantas posibilidades. “Galicia ten precisamente na variedade unha das súas principais fortalezas turísticas”

 Nestes momentos difíciles, di que Galicia ten que moverse para buscar a mellor localización posible no futuro e lembra que as decisións turísticas que se teñen materializado nos últimos anos, como a recente Lei do Turismo, a marca Galicia ou a propia celebración do Xacobeo 2010 mantiveron vixente ese dobre espírito de renovación e de concertación

 “As preferencias, os gustos, as tendencias dos visitantes, van mudando. Por iso, ao igual que os impulsores do Xacobeo, agora tamén debemos ser conscientes de que o destino Galicia se constrúe constantemente”, afirma

O titular da Xunta avogou por traballar unidos e coordinados para que cada un destes catorce xeodestinos lle poida ofrecer algo ao visitante e lle permita concluír “que non só merece a pena vir á nosa terra, senón tamén quedarse o maior tempo posible para abarcar todas as experiencias que ten ao seu alcance”. E salientou que “nunha etapa histórica na que as posibilidades de elección para o turista aumentaron de forma exponencial, Galicia completa hoxe o proceso que iniciamos desde o principio da lexislatura para distinguirnos no mercado se cabe un pouco máis que ata agora”.

 Se ben, Galicia actúa, porque o é, como unha Galicia unida, Feijóo afirmou que “iso non significa que teñamos que presentarnos, porque non o somos, como unha Galicia uniforme. Ao contrario, en poucas terras coma a nosa se mesturan tantas tendencias e conflúen tantas posibilidades”. E engadiu que ningunha desas posibilidades amola, “porque todas serven a unha Galicia que ten precisamente na variedade unha das súas principais fortalezas turísticas”.

 “O atractivo da nosa terra repártese entre rías e montes, santuarios e catedrais, camiños e cidades, cruceiros e augas termais, faros e murallas, xardíns e casas rurais, vellos símbolos como a Catedral de Santiago e novos como a Cidade da Cultura. En medio de tantas dificultades, Galicia non pode permitirse o luxo de relegar a un lugar secundario ningunha das moitas posibilidades que poden ofrecer as Rías Altas, a Costa da Morte, as terras de Santiago, a Mariña lucense, Lugo e a Terra Chá, Os Ancares e o Courel, a Ribeira Sacra, as Rías Baixas, O Ribeiro, as Terras de Ourense e Allariz, de Celanova e da Limia, de Verín e de Viana, de Manzaneda e Trevinca, ou do Deza e Tabeirós”.

 Ante o perigo de competir entre nós mesmos, o titular do Executivo galego aseverou que escollemos ser un país que se ve capaz de destacar conxuntamente na oferta turística española, europea e internacional. “E, en lugar de estragar as nosas propias forzas, traballamos como unha realidade global que pon en marcha proxectos colectivos. O instrumento que hoxe botamos a andar é unha nova proba diso: promove a Administración –a Xunta, en colaboración cos concellos-; implícase un dos nosos sectores produtivos máis importantes; e involúcrase a sociedade en xeral”.

 Nos momentos difíciles coma os que se están a vivir, Feijóo subliñou que Galicia ten que moverse como nunca para buscar a mellor localización posible no futuro e salientou que as decisións turísticas que se teñen materializado nos últimos anos, como a recente Lei do Turismo, a marca Galicia ou a propia celebración do Xacobeo 2010 mantiveron vixente ese dobre espírito de renovación e de concertación.

 Por último, Feijóo afirmou que non se pode caer no erro de pensar que os instrumentos cos que conta un dos sectores económicos máis importantes son estáticos. “As preferencias, os gustos, as tendencias dos visitantes, van mudando. Por iso, ao igual que os impulsores do Xacobeo, agora tamén debemos ser conscientes de que o destino Galicia se constrúe constantemente”. E, neste sentido, amosouse convencido de que este mapa de xeodestinos vai ser unha guía certamente útil para avanzar nese camiño.

 

4s comentarios

  1. Noraboa a Xunta de Galicia, a Secretaría Xeral para o Turismo e Turgalicia por ter incluído a Trevinca no mapa galego de Xeodestinos Turisticos . Tamén nas Terras de Trevinca estamos de noraboa… por fin … estamos nos mapas…
    As fadas que habitan as nosas covas e lagoas, os silandeiros cazadores de ventos, os aventureiros e montañeiros que procuran os ceos, as brisas que van enguedeñando toda herba que crece nos prados e lameiros, as augas calcadas sobre da terra máis brava, as fachendosas montañas e o arrepío da serra ….. de seguro están de festa …. TREVINCA é xeodestino turístico……

    1. Noraboa pola fermosa presentación da nosa terra. Está chea de sensibilidade.

      Só unha crítica, votei en falta que dentro do Xeodestino Arousa, a illa da Toxa non figurase no mapa. Supoño que será un despiste, xa que un punto turísitico deste nivel merce o seu recunchiño. Non si?

      Sorte e bo Nadal para todos!

Deixar una contestación

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *