A Xunta de Galicia e o Goberno central investirán preto dun millón de euros na formación de seiscentos profesionais do sector turístico galego

A secretaria xeral para o Turismo de Galicia, Carmen Pardo, e mais o director da Escola de Organización Industrial, Fernando Bayón, presentaron hoxe en Santiago o Plan de Formación para a Excelencia Turística de Galicia, que ofrece 24 programas formativos en todo o territorio galego, articulados en 13 tipoloxías adaptadas ás necesidades concretas dos distintos subsectores

Trátase dunha experiencia pioneira en España. Nos programas poden participar de forma gratuíta ata 600 alumnos, entre 20 e 30 por cada curso, e pódense consultar as convocatorias e inscribirse a través da web da EOI ou a través da web de Turgalicia

A secretaria xeral para o Turismo, Carmen Pardo López, e mais o director da Escola de Organización Industrial –EOI-, Fernando Bayón, presentaron hoxe en Santiago o Plan de Formación para a Excelencia Turística de Galicia, unha iniciativa pioneira no Estado que suporá o investimento de preto dun millón de euros en formación do sector turístico galego. O Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo e o Fondo Social Europeo a través da Escola de Organización Industrial, investirán neste plan un total de 838.296 euros, o que supón un 90% do orzamento total. O 10% restante será aportado pola Secretaría Xeral para o Turismo a través de Turgalicia e do Centro Superior de Hostelería de Galicia.

O obxectivo deste plan é contribuír á transformación do sector turístico galego a través da formación dos seus empresarios e emprendedores. O Plan tentará dar resposta ás necesidades da oferta turística de Galicia, que debe adaptarse aos cambios da demanda, ás preferencias dos consumidores, á competencia, ás canles de comercialización e aos novos requerimentos do mercado que esixen actuacións globais como a que hoxe se presentou en materia de formación.

O programa artellarase en 13 tipoloxías de cursos adaptados ás necesidades concretas dos distintos subsectores. Trátase de 24 programas formativos en toda Galicia nos que poden participar entre 20 e 30 persoas en cada grupo. Dende hoxe poden consultarse as bases da convocatoria na web www.turgalicia.es e mais na web www.eoi.es.

Durante a presentación do Plan, a secretaria xeral para o Turismo destacou que se trata dun proxecto moi ambicioso e pioneiro no Estado, que implica que “entre 500 e 600 profesionais galegos teñan a oportunidade de asistir a máis de 4.109 horas de formación en xestión, en modalidade presencial e online, o que lles permitirá compaxinar a actividade laboral coa formación, ademais de contar coa axuda de titorías personalizadas”.

O plan centrarase en áreas estratéxicas de turismo como a innovación, o e-marketing, as redes sociais, a xestión de pequenos aloxamentos e restaurantes, a eficiencia, o aforro e a xestión de custes, ademais da creación de empresas.

Carmen Pardo recalcou que xa no Plan de Acción do Turismo de Galicia 2010-2013 se recolle que o CSHG amplíe o seu público obxectivo ao sector empresarial galego e que desenvolva o seu futuro como centro de formación de formadores para a mellora da profesionalización turística de Galicia.

Destacou por outra parte as iniciativas que dende o seu departamento se teñen desenvolvido en materia de formación como os programas de titorización persoalizada para establecementos ou o proxecto de xestión de pensións en Galicia que desenvolve o Instituto de Estudos Turísticos de Galicia. A secretaria xeral para o Turismo destacou que a formación é unha das máis importantes ferramentas de competitividade para Galicia como destino turístico. E explicou que a Administración Turística traballa ademais de na promoción e comercialización dos recursos turísticos de Galicia, no territorio, para poñer en valor os recursos; na mellora da xestión –porque é importante ademais de conseguir captar a máis usuarios, desenvolver unha xestión o máis eficiente posible das empresas turísticas- e tamén na lexislación.

Neste último punto, a secretaria xeral resaltou que Galicia está entre as comunidades máis avanzadas nos traballos de modernización da normativa de clasificación hoteleira e que o vindeiro día 20 terá lugar unha reunión co sector hoteleiro galego na que, ademais de traballar neste aspecto, comezará a xestarse o novo decreto de establecementos hoteleiros, no marco do desenvolvemento normativo da Lei de Turismo de Galicia, en vigor dende o pasado mes de novembro.

Carmen Pardo tamén agradeceu públicamente as palabras do ministro de Industria, Enerxía e Turismo, José Manuel Soria, quen na última Conferencia Sectorial de Turismo celebrada a comezos desta semana en El Hierro, recalcou a iniciativa pioneira en Galicia de poñer en marcha este Plan de Formación para a Excelencia Turística que hoxe se presentou e animou ao resto de comunidades a seguir a senda iniciada por Galicia.

 

Deixar una contestación

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *