A XUNTA APOIA A INICIATIVA DE HOSPECO E AHOSVI VIGO AMA A CORUÑA, A CORUÑA AMA VIGO

A través da web de Turgalicia poderase concursar para obter estadías nos hoteis asociados a Hospeco da Coruña para os vigueses e mais nos hoteis de Ahosvi en Vigo para os coruñeses

Na presentación estiveron presentes,ademais de Carmen Pardo, representantes dos dous concellos, os promotores da iniciativa –os presidentes de Ahosvi e Hospeco- e mais o presidente da Confederación de Hostalería de Galicia

  

A secretaria xeral para o Turismo, Carmen Pardo, presentou hoxe no Instituto de Estudos Turísticos de Galicia a iniciativa coa que a Secretaría Xeral a través de Turgalicia colabora coa acción desenvolvida polos hosteleiros das dúas cidades máis grandes de Galicia para promover o turismo interno e desestacionalizar a ocupación dos establecementos hoteleiros.

O programa ‘Vigo ama a Coruña, a Coruña ama Vigo’ ofrece un desconto nos hoteis que forman parte da Asociación de Hoteleiros de Vigo –Ahosvi- dun 25% para todos aqueles coruñeses ou residentes na Coruña que entre o 10 e o 19 de febreiro reserven estancias nas webs oficiais dos establecementos hoteleiros participantes. O mesmo desconto se aplicará a aqueles vigueses ou residentes en Vigo que decidan mercar na web oficial dos hoteis de Hospeco unha estancia na cidade herculina entre os días sinalados.

A maiores, e como contribución a esta iniciativa que, segundo explicou Carmen Pardo supón “un paso moi importante porque por primeira vez se dá unha colaboración entre as asociacións do sector na Coruña e en Vigo, superando os localismos e traballando por un obxectivo común”; a Secretaría Xeral para o Turismo a través da web de Turgalicia organizará un concurso no que se poderán gañar estancias –compostas por hotel, almorzo e detalle de benvida especial- nos hoteis das cidades olívica e herculina. Pardo resaltou a importancia desta acción para “potenciar o turismo interno dentro da nosa comunidade e evidenciar a imaxe de unidade do sector turístico galego e, en xeral, da sociedade”.

Carmen Pardo tamén precisou que a iniciativa de Ahosvi e Hospeco así como o concurso posto en marca a través das redes sociais de Turgalicia contarán coa promoción no Contact Center Social Media de Turgalicia, a primeira institución turística española en contar cun Contac Center Social Media e cun Community Manager Turístico.

No marco da celebración do día dos namorados, Carmen Pardo resaltou tamén que o feito de aproveitar esta conxuntura para “agasallar cunha experiencia turística neste mes de febreiro contribúe tamén a desestacionalizar o turismo dado que se trata dunha data moi axeitada para gozar do turismo urbano e cultural”. Do mesmo xeito, a secretaria xeral recalcou que a maiores de disfrutar das cidades obxecto desta promoción, os turistas poderán aproveitar para percorrer o xeodestino no que se enmarca cada unha das grandes cidades: Rías Baixas, Ría de Vigo e Baixo Miño e mais Rías Altas. A Coruña e As Mariñas.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *