A Secretaria Xeral para o Turismo recibiu a representantes da embaixada nipona para establecer colaboracións con motivo da conmemoración do ano dual Xapón-España

Carmen Pardo mantivo onte un encontro co xefe da Sección de Asuntos Xerais da Embaixada de Xapón, Shogo Toyota, e mais co Primeiro Secretario de Asuntos Económicos e de Turismo, Hiroaki Kokuma

Entre 2013 e 2014 conmemórase o Ano Dual Xapón-España que conmemora os 400 anos de relacións bilaterais entre os dous países. No Ano de Xapón en España organizaranse actividades culturais, eventos relacionados coa economía, a educación, a ciencia e a tecnoloxía e o turismo coa fin de establecer novas perspectivas nas relacións entre España e o país asiático

A secretaria xeral para o Turismo da Xunta de Galicia, Carmen Pardo, recibiu onte en Santiago a dous representantes da Embaixada de Xapón en España. O xefe da Sección de Asuntos Xerais da Embaixada de Xapón, Shogo Toyota, e mais o Primeiro Secretario de Asuntos Económicos e de Turismo, Hiroaki Kokuma, mantiveron un encontro coa responsable da Administración turística no que expuxeron a programación que teñen previsto realizar con motivo da conmemoración dos 400 anos de relacións bilaterais entre España e Xapón, o que se denomina en España 400 Anos de Intercambio Hispano-Xaponés e en Xapón O Ano de España en Xapón.

Os anos 2013 e 2014 coinciden cos catro séculos da Misión a Europa da Era Keicho, unha misión ordenada polo señor feudal Masamune Date que tiña por obxectivo entrevistarse co Rei de España e mais co Pontífice Romano. Esta misión diplomática recibiu o nome de Misión a Europa da Era Keicho. O embaixador enviado chegou a España sete anos despois, sendo o primeiro xaponés que cruzou o Pacífico e o Atlántico. O obxectivo desta delegación consistía en solicitar o envío de misioneiros e establecer relacións comerciais con México, colonia española.

Para conmemorar este evento, a Embaixada de Xapón ten prevista a organización de actividades culturais e outros eventos en diferentes eidos como a política, a economía, a ciencia, a tecnoloxía, o turismo ou a educación coa fin de impulsar o entendemento entre ambos países e o establecemento de novas perspectivas nas relacións bilaterais.

A secretaria xeral para o Turismo, Carmen Pardo, expúxolles aos representantes da Embaixada nipona as diversas liñas de colaboración que dende Turismo de Galicia se están a desenvolver co mercado xaponés. A través de Turgalicia, a oferta turística de Galicia estará presente este ano na feira JATA de Tokio, que se desenvolverá entre os días 20 e 23 de setembro de 2012. Con tal motivo, dende a Sociedade de Imaxe e Promoción Turísitca de Galicia-Turgalicia traballan na edición dun folleto sobre experiencias únicas para vivir en Galicia, do que se editarán tres mil exemplares traducidos ao ruso, ao chinés e ao xaponés.

Do mesmo xeito, segundo avanzou Carmen Pardo, na área das asociacións xacobeas colabórase estreitamente coa Asociación de Amigos do Camiño de Santiago de Xapón. Concretamente o Xacobeo colaborará coa Asociación Xaponesa de Amigos do Camiño de Santiago nun proxecto para axudar ás rexións damnificadas polo terremoto e o tsunami de marzo do ano pasado. O proxecto consiste en convidar a mozos das rexións máis damnificadas a percorrer o Camiño de Santiago. Desenvolverase en colaboración coa asociación Moriwa Umi-mo Koibito. Os rapaces camiñarán a finais de xullo deste 2012 dende León a Santiago de Compostela levando consigo cunchas de vieiras extraídas da zona do desastre –que vivía do desenvolvemento industrial do cultivo de ostras e vieiras-. Ao rematar a peregrinación visitarán a Coruña para realizar intercambios e actividades.

 

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *