A secretaria xeral para o Turismo presentou en Ourense a Xornada de portas abertas das Rutas dos Viños de Galicia

O sábado día 26 de maio, 72 adegas das cinco Denominacións de Orixe Protexida ofrecen unha visita guiada polas súas instalacións e unha degustación gratuíta. Un total de 31 restaurantes ofrecerán 62 menús enogastronómicos a 25 euros para adultos e menú especial para nenos de ata 12 anos a 10 euros.

A inciativa constitúe a primeira acción do Plan de Turismo Enogastronómico da Xunta de Galicia, que foi aprobado o 3 de maio polo Consello da Xunta. En Ourense, coas D.O. Monterrei, Ribeiro, Ribeira Sacra e Valdeorras, participan na xornada 45 adegas e 17 restaurantes. Ademais, de degustacións e visitas, as xornadas inclúen actividades complementarias.

A secretaria xeral para o Turismo presentou hoxe en Ourense a Xornada de Portas Abertas das Rutas dos Viños de Galicia. Esta iniciativa, enmarcada no Plan de Turismo Enogastronómico de Galicia aprobado o día 3 de maio polo Consello da Xunta, ten por obxectivo pór en valor o enoturismo galego como unha nova aposta de calidade na diversificación das actividades turísticas. A estratexia englóbase na creación de produtos turísticos que van a reforzar e dotar de contido a marca turística de Galicia.

Segundo explicou a secretaria xeral, a Xornada de portas abertas das Rutas dos Viños de Galicia consiste nun programa no que “por primeira vez se organiza unha xornada de actividades de enoturismo de maneira simultánea e conxunta nos nosos cinco grandes territorios vitivinícolas”. Entre os obxectivos desta iniciativa figura tamén o de comezar a divulgar o enoturismo e o novo produto cabeceira de marca Paseando entre viñedos entre os galegos porque o turismo interno é moi importante en Galicia.

Un total de 72 adegas das cinco Denominacións de Orixe galegas ofrecerán unha visita guiada polas súas instalacións e a degustación dos seus viños con carácter gratuíto durante toda a xornada. Ademais, 31 restaurantes adheridos a esta promoción especial ofrecerán 62 menús enogastronómicos diferentes e maridados con viños galegos da D.O.P. na que se atope o restaurante. O prezo final destes menús é de 25 euros todo engadido e poderase escoller o menú que máis agrade. Para os menores de 12 anos haberá menús infantís a 10 euros.

En Ourense acolléronse a esta iniciativa 45 adegas das catro denominacións da provincia e un total de 17 establecementos de restauración.

Ademais  deste programa común para as cinco Rutas dos Viños de Galicia, hai moitas propostas adicionais como visitas guiadas e gratuítas polo casco histórico de Monforte de Lemos ou a Ruta dos Pazos e Xardíns do concello de Vedra; visitas á vila medieval de Ribadavia, ao patrimonio románico da Ribeira Sacra ou do Ribeiro, ao castro de Santa Tegra ou aos viñedos de Amandi en tren turístico. Tamén haberá entradas gratuítas ao Museo do Viño de Cambados, ao centro do viño da Ribeira Sacra e ao Museo enolóxico de Ribadavia así como unha cata xenérica e gratuíta sobre os viños do Ribeiro ou ofertas de especiais de aloxamento e paquetes enoturísticos con empresas especializadas de Valdeorras e O Ribeiro.

Plan de Turismo Enogastronómico de Galicia

A secretaria xeral para ao Turismo falou tamén durante a presentación da xornada na Cidade das Burgas do Plan de Turismo Enogastronómico de Galicia. Carmen Pardo quixo resaltar que en Galicia existen un total de 5.298 establecementos de restauración neste ano 2012, 1.574 cafeterías e 21.218 bares. En Galicia existen 841 industrias agroalimentarias e hai 10 restaurantes con Estrella Michelín e 18 distinguidos con Soles Repsol. Contabilízanse na comunidade máis de 300 festas gastronómicas que impulsan o sector turístico e promocionan os produtos con indicación de calidade. A gastronomía é, despois da natureza, a segunda motivación dos turistas para elexir Galicia como destino.

Carmen Pardo quixo resaltar que as cifras de afiliacións á Seguridade Social no sector da restauración medraron das 57.621 rexistradas en 2009 ou as 59.001 rexistradas en 2010 ata as 59.461 rexistradas o ano pasado. Do mesmo xeito, se temos en conta os datos de emprego, extraídos da Enquisa de Poboación Activa de poboación ocupada no Servizo de Comidas e Bebidas, rexístrase unha suba dos 57.425 rexistrados en 2010 aos 58.362 rexistrados o ano pasado.

Pódese consultar toda a información da xornada en www.turgalicia.es Teléfono : +34 902 200 432 | +34 981 542 500 Fax : +34 981 542 659 – e-mail: cir.turgalicia@xunta.es.

Deixar una contestación

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *