A secretaria xeral para o Turismo recibe o premio do Instituto da Calidade Turística de España pola difusión da marca Q

Carmen Pardo destacou na súa intervención que Galicia é, por segundo ano consecutivo, a Comunidade Autónoma española na que mais aumentaron os establecementos certificados coa Q de Calidade Turística en 2011.

No stand de Galicia en Fitur celebráronse hoo venres as presentacións de Turismo Rías Baixas; As Pontes; o Plan de Dinamización do Produto Turístico Área Metropolitana de A Coruña; e mais as novas iniciativas turísticas do Consello de Ferrol.

A secretaria xeral para o Turismo, Carmen Pardo, recibiu o premio outorgado polo Instituto da Calidade Turística de España, ICTE, á Comunidade Autónoma de Galicia polo seu traballo a prol da difusión da marca Q, de Calidade turística ao longo do ano 2011.

Carmen Pardo, asistiu o venres 20 de xaneiro ao acto de entrega anual das certificacións Q de Calidade Turística, que se celebrou no marco de Fitur. Na súa intervención, a secretaria xeral resaltou que Galicia é a Comunidade Autónoma española na que máis aumentaron os establecementos certificados coa Q de Calidade Turística en 2011, cun balance de 43 novas incorporacións ao longo dos últimos doce meses. Galicia conta deste xeito con 243 empresas turísticas nas que xa loce o distintivo Q. Carmen Pardo tamén recalcou que Galicia é a comunidade autónoma con maior número de aloxamentos turísticos certificados (hoteis, casas de turismo rural e acampamentos turísticos). En total, 106 dos 771 de toda España están en Galicia.

A nosa comunidade ocupa tamén a primeira posición no relativo a balnearios certificados -7 dun total de 38-; a instalacións náutico-deportivas -6 de 12-; e a empresas de turismo activo -4 das 8 existentes con certificación Q de Calidade Turística están en Galicia-.

Por segundo ano consecutivo, a nosa é a comunidade na que máis medrou a cifra de establecementos certificados coa marca Q. Somos a segunda comunidade en canto a axencias de viaxes e palacios de congresos certificados. Contamos con 56 axencias con certificación sobre as 380 que a teñen en todo o Estado; e con dous palacios sobre os 10 existentes en España con Q de Calidade Turística.

Carmen Pardo resaltou que na actualidade dende a Administración Turística galega trabállase en Programas de Calidade Turística nos subsectores turísticos de hoteis, turismo rural, restaurantes, axencias de viaxes, acampamentos turísticos, balnearios, servizos de restauración, espazos naturais protexidos, praias, palacios de congresos, turismo activo e instalacións náuticas. Do mesmo xeito, a secretaria xeral comentou que as actuacións relativas ao estímulo ás iniciativas de certificación e acreditación da calidade xa estaban presentes no Plan de Acción do Turismo 2010-2013 dentro da política de productos e da estratexia de xestión de productos do plan.

A secretaria xeral resaltou tamén que dende Turismo se puxeron en marcha dúas ordes de subvencións específicas –na anualidade 2011 e mais na 2012- para implementar as normas UNE que conduzan á certificación da marca Q de Calidade Turística do Instituto para a Calidade Turística Española. “Temos unha orde específica dentro das axudas ao sector dirixida a implantar e renovar as certificacións Q”, comentou. Carmen Pardo tamén destacou a colaboración do sector para situar ao destino Galicia nunha das primeiras posicións de España en canto a Calidade Turística.

Proxecto Discamino
Un pai e o seu fillo de 12 anos con parálise celebral percorrerárn o Camiño dende Roncesvalles ata Santiago nunha silla de rodas-bicicleta Duet. Este proxecto presentouse hoxe en Fitur no Stand da Rede Española de Turismo Accesible-Red Estable e levarase a cabo entre o 25 de xuño e o 15 de xullo deste ano. O obxectivo de Javier Luque e mais do seu fillo Antonio, naturais de Córdoba, é contribuir á rehabilitación do rapaz proporcionandolle variados estímulos multisensoriais, así como facer un chamamento sobre a necesidade dun turismo accesible.

A secretaria xeral para o Turismo, Carmen Pardo, recibiu a Javier Luque e ao seu fillo o venrs 20 de xaneiro no stand de Galicia en Fitur. Alí amosáronlle a bicicleta adaptada que conseguiron para realizar o percorrido.

Programa do Stand de Galicia

O venres, o stand de Galicia acolleu catro presentacións relacionadas coa oferta turística da comunidade. Turismo Rías Baixas, realizou unha presentación sobre as Rías Baixas como destino competitivo e de calidade. A secretaria xeral para o Turismo, clausurou o acto de presentación de Rías Baixas –segundo dixo “un dos destinos turísticos máis importantes de Galicia”- xunto co presidente da Deputación de Pontevedra; Rafael Louzán. Carmen Pardo animou aos alcaldes da zona a seguir traballando polo destino e aos asistentes a coñecer e disfrutar das Rías Baixas.

Tamén fixeron presentacións o Concello de As Pontes e o Plan de Dinamización do Produto Turístico Área Metropolitana da Coruña. A programación do stand pechouse coa presentación das novas iniciativas turísticas do Concello de Ferrol.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *