A oferta turística de Galicia e o Camiño promocionaranse esta semana en Portugal

A Xunta de Galicia, a través de Turgalicia, da Secretaría Xeral para o Turismo, participará entre os días 29 de febreiro e 4 de marzo na Bolsa de Turismo de Lisboa (BTL) cun stand propio

Os portugueses supuxeron en 2011 o primeiro mercado emisor internacional co 21,5% do total de turistas do exterior e o 94,3 % dos excursionistas

A Xunta de Galicia, a través de Turgalicia, dependente da Secretaría Xeral para o Turismo, presentará dende mañá mércores ata o domingo día 4 de marzo a oferta turística de Galicia e o Camiño de Santiago en Portugal, dentro da principal feira de Turismo do país veciño: a Bolsa do Turismo de Lisboa (BTL).

Nesta edición, Turgalicia acudirá cun stand propio de 108 metros cadrados no que se promocionará toda a oferta turística de Galicia e o Camiño de Santiago, que contará cun mostrador propio dentro do recinto galego.

Turgalicia presentará nesta ocasión os recursos turísticos galegos baixo o paraugas da marca Galicia, gárdasme o segredo?, que inclúe os produtos cabeceira de marca: Camiño de Santiago, Mananciais de Galicia, Bosques de Galicia, Patrimonio oculto, Paseando entre viñedos, Turismo mariñeiro, Ruta da Camelia, Santuarios máxicos, Faros e praias salvaxes e Lugares únicos.

Ademais, como novidade a Sociedade de Imaxe e Promoción Turística de Galicia difundirá entre o público asistente á feira o mapa de Xeodestinos de Galicia, no que se distribúen as 14 zonas turísticas do territorio galego.

Mercado portugués
Os portugueses son tradicionalmente o mercado emisor máis importante para a Comunidade galega. Así, no ano 2011, os turistas procedentes do país veciño supuxeron o 21,5 % do total dos estranxeiros que visitaron Galicia, un total de 171.909 persoas aloxadas en establecementos regrados galegos.

Ademais, o ano pasado, máis de 5,6 millóns de portugueses realizaron visitas sen pernoita –excursionismo- á comunidade galega, o que supuxo o 93,4% do total dos excursionistas que recibiu Galicia en 2011, segundo os datos de Frontur, do Instituto de Estudios Turísticos.

Deixar una contestación

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *