A Conferencia Sectorial de Turismo aborda a modernización da normativa de clasificación hoteleira na que Galicia figura entre as comunidades autónomas máis avanzadas

Xunto con Madrid, La Rioja, Baleares, Canarias e Cataluña, Galicia forma parte das CCAA cuxa adaptación á normativa de clasificación hoteleira europea está máis avanzada

A situación da normativa no conxunto das comunidades foi un dos temas tratados esta fin de semana na Conferencia Sectorial de Turismo que se celebrou na illa de El Hierro e na que se abordaron outros asuntos como as liñas mestras do Plan Nacional Integral de Turismo ou a preparación da convocatoria do FOMIT 2012

 

A secretaria xeral para o Turismo da Xunta de Galicia, Carmen Pardo López, participou en El Hierro na Conferencia Sectorial de Turismo, á que asisten os conselleiros de turismo e secretarios xerais das Comunidades Autónomas do Estado e que estivo presidida polo ministro de Industria, Enerxía e Turismo, José Manuel Soria López.

Durante o encontro, os titulares de Turismo das comunidades españolas abordaron asuntos como o seguimento da convocatoria do FOMIT 2011 e a preparación da convocatoria 2012, así como o informe sobre o Plan de Marketing Estratéxico de Turespaña, e mais as liñas mestras do Plan Nacional Integral de Turismo.

Un dos puntos da orde do día da Conferencia Sectorial era a modernización da normativa de clasificación hoteleira. Galicia, así como as comunidades de Madrid, La Rioja, Baleares, Canarias e Cataluña, están xa nunha fase avanzada da adaptación á normativa. Os traballos de adaptación pasan por varias fases, entre as que figuran a análise da lexislación actual, unha sesión de traballo cos hoteleiros e a elaboración dunha recomendación e proposta sectorial.

Galicia celebrará o día 20 de marzo unha xornada cunha representación dunha vintena de hoteleiros –aqueles que teñan unha maior impronta no sector turístico galego e tendo en conta os criterio de representación xeográfica equilibrada- para captar as súas recomendacións, comentarios e aportacións. Na seguinte fase elaborarase unha recomendación e proposta sectorial sobre a lexislación hoteleira a aplicar na Comunidade Autónoma de Galicia.

Previamente a esta fase, as comunidades realizaron un estudo de análise das normativas que deu como resultado unha converxencia no 80% dos criterios analizados, de modo que se detectaron 534 criterios cun grao de converxencia alta –do 79,5%-; 103 criterios cun grao de converxencia media -15,3%- e 36 criterios cun grao de converxencia baixa -5,5%-.

 Impulso ao sector

O ministro de Industria, Enerxía e Turismo, José Manuel Soria recalcou na súa intervención no encontro a iniciativa pioneira de Galicia na creación en colaboración coa EOI –Escola de Organización Industrial- dun Plan de Formación para a Excelencia Turística de Galicia, e animou ao resto de comunidades a seguir a senda iniciada pola Comunidade Autónoma galega.

Segundo os datos de Monitur, Galicia inclúese no grupo de CCAA que no ano 2010 deron un maior impulso e prioridade ao turismo como actividade económica. Ocupamos a oitava posición do ranking e melloramos en seis décimas o noso propio índice, ademais de mellorar o nivel de competitividade turística. No tocante á visión de marketing estratéxico e apoio comercial, Galicia ocupa a 3ª posición tras Andalucía e País Vasco e no tocante ao turismo como prioridade política e a súa gobernanza ocupamos o segundo posto tras La Rioja.

Ademais, Galicia ven de aprobar unha nova Lei de Turismo, tal e como se recollía no Plan de Acción do Turismo de Galicia 2010-2013 que dota de maior representatividade ao sector, crea un novo plan de organización turística que mellora a eficiencia do gasto público e persegue dar resposta ás necesidades do seu sector turístico para acadar que sexa máis competitivo.

Do mesmo xeito, a Secretaría Xeral para o Turismo, a través de Turgalicia, está a crear dez produtos emblemáticos para facilitar a comercialización turística de Galicia a través da nova marca turística da comunidade.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *