A centola galega, nas mellores mesas

 

A Consellería do Mar organizará o próximo martes 29 de novembro unha xornada de promoción da centola galega, coincidindo coa recente apertura da veda deste marisco. Baixo o lema “A centola galega nas mellores cociñas”, a Consellería reunirá a preto de 60 prestixiosos cociñeiros de toda España para que coñezan de primeira man as características deste produto estrela da nosa gastronomía e a multitude de posibilidades culinarias que ofrece, así como os métodos de pesca.

 

A conselleira, Rosa Quintana, presentou esta xornada que “servirán para pór en valor a centola nas cociñas máis recoñecidas de España”. A titular de Mar recalcou que esta iniciativa se enmarca na liña da Consellería de potenciar a comercialización dos produtos galegos e acadar a súa diferenciación, “desenvolvendo novas técnicas de comercio e novas formas de presentación, que engaden valor ao produto, tal é o caso da marca de calidade PescadeRías ¿de onde se non? que certifica a pesca artesanal e o marisqueo das nosas costas”.

 

O programa consistirá na saída ao mar nunha embarcación dende O Grove. Na travesía pola Ría de Arousa amosaráselles o proceso de pesca deste crustáceo, as artes empregadas para a súa captura e os tipos de embarcacións utilizadas, así como as técnicas de cultivo do mexillón empregadas na nosa comunidade. Pola tarde, os cociñeiros desembarcarán en Cambados e desprazaranse ata a lonxa, onde poderán observar o desenvolvemento da poxa “e lles explicaremos o proceso de primeira venda do peixe e do marisco”. A conselleira, Rosa Quintana, estará presente na subasta.

 

“Queremos achegarlles aos cociñeiros o coñecemento dos nosos mariñeiros e o seu saber facer” explicou a conselleira, que contou que os participantes acumulan máis de 20 estrelas Michelín. O obxectivo é que este prezado marisco, que cualificou como “único polo seu sabor, calidade e textura” estea presente nos seus restaurantes, en restaurantes de referencia a nivel nacional e internacional”. A Consellería do Mar confía en que, a través desta iniciativa, a centola estea presenta en restaurantes de referenza a nivel nacional e internacional, e que “estes cociñeiros se convertan en embaixadores da calidade do peixe e o marisco de Galicia”.

Descargas en lonxa

Cabe destacar que no que levamos de ano descargáronse nas lonxas galegas máis de 165.000 quilos de centola, o que supuxo unha facturación de preto de 1.700.000 euros. Esta cifra é superior á de anos anteriores; xa que no ano 2010 capturáronse na nosa comunidade preto de 141.000 quilos deste crustáceo cun importe de máis de 1.557.000 euros.

 

Deixar una contestación

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *