O asilo de Cambados, un pasado na nobreza

Se falamos de Cambados, probablemente os nomes máis coñecidos sexan ou o Pazo de  Fefiñáns ou as ruínas de Santa Mariña. Con todo, este pobo esconde outros lugares que poden resultar de gran interese para os seus visitantes. Unha das súas institucións máis vinculada ao pobo é o asilo de anciáns situado no barrio de San Tomé do Mar. Esta zona de Cambados é un barrio mariñeiro que dispón dunha pequena praia urbana na cal moitos veciños deixan os seus barcos. A través del, tamén se chega á coñecida Torre de San Sadurniño. 

 

Actualmente, o asilo está xestionado pola Orde Católica Hermanitas dos Anciáns Desamparados e recibe o nome de Residencia da Nosa Señora de Valvanera, pero o seu pasado non foi sempre como unha residencia para persoas de avanzada idade. Trátase dun edificio barroco que foi levantado no século XVIII polos marqueses de  Montesacro, de aí o seu anterior nome co que tamén se asocia na actualidade: Pazo de  Montesacro. Ademais, constitúe unha referencia relixiosa importante por custodiar a capela da  Valvanera. Nesta, venérase á Virxe da  Valvanera, tradición trasladada dende A Rioxa, lugar de procedencia dos marqueses. Polo tanto, tamén pertence ao conxunto histórico que representa ao Pazo de  Montesacro. Este, fora propiedade do matrimonio formado polo último marqués de  Montesacro, Ramiro  Hernán Luyando e Varela de Luaces e Juana María Grisone e Vezzozo. O falecemento do marqués a finais do ano 1939 provocou que a súa esposa, sen descendencia, decidise vendelo. Despois disto, a orde relixiosa decidiu compralo para convertelo nun asilo, aspecto que non sería posible sen a axuda de Manuel Otero, empresario importante en Cambados.

 

O novo asilo abriu no ano 1939 substituíndo ao Pazo de  Montesacro a partir do día 19 de marzo, polo que este ano 2020 cumpríronse 81 anos da súa apertura. Dende o comezo, foi dirixido por relixiosas da congregación das Hermanitas de los Ancianos Desamparados, aínda que non se tratase do primeiro asilo en Cambados. As relixiosas abriron con anterioridade unha residencia no Pazo de Torrado pero por motivos de espazo vendérono e buscaron un novo lugar onde levar a cabo o seu labor. 

 

Moitas das celebracións máis importantes do pobo manteñen relación con este edificio. Por exemplo, trátase dun lugar de parada obrigatoria durante a Cabalgata dos Reis Magos e punto de partida para os desfiles de Entroido. Ademais, realizáronse diversas campañas a favor do asilo por parte da asociación de comerciantes e reciben visitas de grupos musicais diversos que actúan para os seus residentes. 

 

Para acceder tanto ao pazo como á capela, existen dúas escalinatas situadas a esquerda e dereita do conxunto arquitectónico que os compón. Na fachada do edificio, hai varios detalles dignos a destacar que deixan constancia das súas raíces, por exemplo o escudo familiar de Zárate e Murga na súa parte central superior. A día de hoxe, a pesar dos seus cambios de propiedade e utilidade, segue sendo un lugar importante en Cambados que representa moito para os seus habitantes.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *