Compostela abre as portas ao seu patrimonio menos coñecido

Máis aló dos seus edificios e espazos de referencia como a Catedral, Santiago de Compostela atesoura un rico patrimonio menos coñecido e que permanece fóra do alcance dos veciños e visitantes. Trátase de lugares que habitualmente non están abertos ao público, pero que gardan parte do pasado e da historia da cidade. Para reverter polo menos por uns días esta situación ponse en marcha por terceiro ano consecutivo a Semana do Patrimonio Invisible, un ciclo que permitirá que lugares normalmente vedados ás visitas abran as súas portas para desvelar os seus segredos.

 

O ciclo desenvolverase entre os días 14 e 18 de setembro con visitas guiadas a unha decena de espazos e construcións de Santiago e dos seus arredores: a Casa Gótica, o Pazo de Amarante, o Hospital de San Roque, o Colexio dos Irlandeses-Pazo de Ramirás, o Colexio de Fonseca, a sede da SGAE, o Hostal dos Reis Católicos, a Fundación Laboral da Construción, os antigos mananciais de Fonte Branca e Ponte Mantible e a Capela das Ánimas. Conviven pois nesta oferta construcións con varios séculos de historia que recrean o pasado eclesiástico, universitario e señorial da cidade, con edificacións que evocan industrias xa desaparecidas e edificios que nos mergullan na modernidade. 

 

As visitas a cada un destes espazos serán guiadas por persoal especializado e acreditado e os grupos participantes serán de tamaño reducido para garantir as medidas de seguridade, facilitar o acceso ás explicacións e asegurar a protección do ben cultural en cuestión. A participación nas visitas é gratuíta, pero é preciso inscribirse previamente (a partir do mércores 9 de setembro) e cada persoa interesada só poderá reservar un máximo de tres visitas para dúas persoas. Preténdese así favorecer que a actividade chegue ao maior número de visitantes posible.

 

Para o luns 14 están previstas visitas ao Hostal dos Reis Católicos, a Casa Gótica e aos mananciais de Compostela. O martes 14 abrirán as súas portas a Fundación Laboral, a Capela das Ánimas, a sede da SGAE, o Pazo de Amarante, o Hostal dos Reis Católicos e o Hospital de San Roque. O mércores 16 será a quenda do Colexio de Fonseca, a Casa Gótica, a Fundación Laboral e o Pazo de Amarante. O xoves 17 poderase acceder ao  Colexio dos Irlandeses, a Capela das Ánimas, a sede da SGAE, o Hostal dos Reis Católicos e o Hospital de San Roque. E o venres 18 a Semana do Patrimonio Invisible tocará ao seu fin con visitas á Fundación Laboral, a Casa Gótica, o Colexio de Fonseca, o Pazo de Amarante e o Hospital de San Roque.

 

Podes consultar toda a información sobre as visitas e os horarios, e solicitar praza a través da web https://patrimonioinvisible.gal/

 

 

 

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *