Campamentos militares, os outros vestixios da romanización de Galicia

A pegada da presenza romana en Galicia é visible ao longo e ancho de toda a comunidade a través de monumentos e xacementos arqueolóxicos diversos. Desde a Muralla de Lugo ata os miliarios que marcaban as distancias das calzadas romanas pasando por restos de termas, vilas e outras construcións forman un valioso patrimonio que nos revela a importancia dunha etapa marcada tamén pola ocupación militar. Así o testemuñan os numerosos campamentos que as lexións romanas construíron por toda Galicia para asegurar o control do territorio e da poboación  castrexa. Algúns deles xa nos desvelaron algúns dos seus segredos e moitos outros agardan aínda o momento de sacar á luz diversos fragmentos da historia desta terra.

 

Aquis Querquennis

Bande

Cúmprese agora un século das primeiras escavacións levadas a cabo neste campamento situado no corazón do parque natural Baixa Limia-Serra do Xurés. As súas orixes remóntanse ao comezo do primeiro milenio e aos traballos de construción da Vía Nova, ou Vía XVIII, a calzada romana que unía Bracara Augusta e Asturica  Augusta. Ocupa unha extensión de ao redor de 2,5 hectáreas e ademais das instalacións para acoller aos militares, o xacemento inclúe unha mansión que servía como espazo de aloxamento para os viaxeiros que pasaban polo lugar e unha zona termal. A construción do encoro das Conchas a mediados do século pasado propiciou que o lugar quedase baixo as augas, pero nos anos 70 renováronse as escavacións e comezou o proceso para poñelo en valor. Declarado Ben de Interese Cultural no ano 2018, o recinto está considerado como o campamento máis extensamente escavado, investigado e  monumentalizado do seu tipo en toda a Península Ibérica. Pasear entre os seus muros permite imaxinar como vivían os integrantes da unidade militar que o ocuparon (probablemente, ao redor de medio milleiro de soldados vinculados á Legio VII Gemina) e aínda que a súa vida útil non foi moi extensa (entre os séculos I e II do primeiro milenio) a súa pegada e a súa importancia son enormes. O Centro de Interpretación e o museo construídos nas súas inmediacións constitúen a inmellorable porta de entrada a un lugar único.

 

A Ciadella

Sobrado

Varios séculos antes de que os monxes se instalasen no municipio coruñés de Sobrado iniciando unha relación tan intensa que os acabou por ligar, polo menos  extraoficialmente, á propia denominación do concello, os romanos descubriron xa a importancia deste enclave e decidiron instalar alí o outro gran campamento visible hoxe en día en Galicia. Situado nas inmediacións da vía que unía Brigantium e Lucus  Augusti, a Vía XX, o recinto albergou aos membros da Cohors I Celtiberorum, que previamente estiveran acuartelados no norte de África. Os expertos sitúan a súa estancia en Sobrado entre comezos do século II e mediados do século IV. As escavacións realizadas desde o ano 1934 sacaron á luz parte das estruturas do recinto así como numerosos materiais (cerámicas, moedas, vidros e outros obxectos diversos) que permitiron aos investigadores imaxinar como era a vida entre os seus muros. O campamento ocupaba unha superficie de 2,4 hectáreas e estaba protexido por unha muralla e un foso, e por varios postos de vixilancia situados nos seus arredores. Tras a marcha dos romanos tivo unha segunda etapa de ocupación por parte da poboación civil antes da finalización do primeiro milenio. Na actualidade constitúe, xunto co mosteiro de Santa María e a lagoa artificial construída polos monxes, o principal atractivo turístico e patrimonial do municipio de Sobrado.

 

O Penedo dos Lobos

Manzaneda

A Ciadella e Aquis Querquennis son os dous campamentos xa escavados (parcialmente) en Galicia que permiten ao visitante contemplar parte das súas estruturas e pasear polo interior dos muros nos que viviron os romanos hai case dous milenios. Pero na comunidade existen outros recintos ocultos polo paso do tempo e a acción da natureza que tamén están a comezar a mostrarnos outras imaxes do pasado. É o caso do xacemento situado no Penedo dos Lobos, no municipio ourensán de Manzaneda, que segundo os primeiros estudos realizados sobre o terreo podería ser máis antigo que os dous campamentos xa citados. As escavacións realizadas nos últimos anos neste lugar situado nunha zona montañosa próxima á estación de inverno de Cabeza de Manzaneda permitiron aos expertos do grupo de investigadores Romanarmy.eu en colaboración co CSIC concluír que se trataría da presenza militar romana máis antiga documentada en Galicia, debido a que se remontaría xa ao século I a. C. Confirmaríase así que este territorio podería non ter permanecido á marxe das guerras cántabro-astures, tal como se pensou ata o de agora. 

 

E ademais…

Os últimos estudos realizados grazas ás novas técnicas de teledetección permitiron identificar máis dunha decena de campamentos romanos noutros puntos diversos de toda Galicia. Cova  do Mexadoiro (Trazo), Coto do Rañadoiro (Carballedo), A Cortiña dos Mouros (Cervantes), Santa Baia (A Laracha), O Cornado (Negreira), Monte da  Medorra e Monte da Chá (Láncara), A Penaparda (A Fonsagrada), O Monte de Ventín (Pol) e Cabeza de  Pau (Petín) son algúns deses asentamentos que aínda gardan un anaco do pasado por descubrir.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *