Cambios e cancelacións para o tradicional arranque festivo do mes de agosto

O arranque do mes de agosto é sinónimo de festa en Galicia. Celebracións musicais, gastronómicas, históricas e etnográficas coinciden no calendario para encher de cor e alegría localidades de toda a comunidade. Veciños e visitantes fúndense nuns festexos con décadas de vida, pero que este ano tamén sufriron as consecuencias da crise da covid propiciando que a maioría deles tivesen que cancelar os seus actos principais ou ser pospostos ao ano 2021. Desde aquí queremos renderlles a nosa particular homenaxe lembrándoche as celebracións de interese turístico coas que Galicia dá a benvida a este mes. 

 

Festa  do Albariño. Cambados 

Considerada a celebración vinícola máis antiga de Galicia e a segunda de España, a Festa  do Albariño goza dede o ano 2018 da consideración de festa de interese turístico internacional. É un acontecemento popular que ten ao viño como protagonista e que propicia que as rúas de Cambados cheguen a encherse de xente degustando os seus famosos caldos e gozando da festa. Miles de persoas danse cita cada ano na localidade para participar tamén nas súas verbenas e os seus concertos, aínda que nesta ocasión en groso das celebracións que deberían ter lugar durante a primeira fin de semana do mes de agosto foron suspendidas.

 

Romaría da Tortilla. Laro (Silleda) 

Dende 1989, a Asociación de Amigos da Tortilla de Laro celebra unha das festas máis populares da comarca do Deza, que foi declarada de interese turístico no ano 2013. Miles de persoas reúnense para degustar as tortillas preparadas polos restaurantes e as integrantes da asociación de amas de casa. O pregón, a degustación, os concursos e as actuacións de grupos e orquestras son algúns dos ingredientes dunha celebración prevista para o período comprendido entre o 31 de xullo e o 2 de agosto, pero que foi posposta ata o próximo ano. 

 

Romaría de Santa Marta de Ribarteme. As Neves

Declarada de interese turístico hai só uns meses, este singular festexo coñecido tamén como a  Romaría dos Cadaleitos, terá que esperar ao 2021 para celebrar como se merece a súa nova consideración. A procesión de cadaleitos con persoas vivas no seu interior que tratan de obter así o favor da Virxe ou mostrarlle o seu agradecemento por unha petición cumprida é o elemento máis orixinal dunha festa cuxo apartado relixioso dá paso despois a unha gran comida campestre.

 

Festa  do  Pemento. A Arnoia

Este ano a pesar da situación, na Arnoia decidiron continuar coa súa tradicional Festa do  Pemento, pero adaptándoa para evitar riscos e aglomeracións. A festa nada en 1980 e dedicada ao produto por excelencia da horta dese municipio ourensán celebrarase do 31 de xullo ao 2 de agosto. Normalmente, coincide coas festas patronais e reúne a abundante público, que pode gozar de eventos culturais, deportivos, actos relixiosos, oficiais e protocolarios. Este ano unicamente poderanse degustar os pementos nos bares do municipio e para iso haberá que comprar uns  tickets a través da ligazón: https://pementosdearnoia.com/.

 

 

Festival de Pardiñas. Guitiriz 

Denominada oficialmente Feira e Festa da Música e da Arte, o Festival de Pardiñas vén sendo organizado dende 1980 pola asociación cultural Os Xermolos coa finalidade de preservar e difundir a cultura galega. Este ano a asociación decidiu presentar un formato renovado adaptándose ás novas medidas de seguridade. Levarán a cabo iniciativas durante as fins de semana de agosto en distintos lugares da localidade. Os actos comezarán o 1 de agosto no Campo da Feira de Parga coa 27 Mostra de Instrumentos de Música Tradicional organizada pola Asociación do Baile e a Música de Tradición Galega. Concluirán o 30 de agosto con actividades musicais nas parroquias de O Vilar e Santa Locaia. O programa inclúe pequenos concertos, proxeccións de películas, presentacións de libros e distintos talleres. 

 

Festa da Carballeira. Zas 

A primeira fin de semana do mes de agosto é sinónimo de música tradicional en Zas. Desde o ano 1984, a asociación Castro Meda organiza este festival folk polo que pasaron ao longo dos anos os principais grupos e artistas da escena galega e internacional. A música é a gran protagonista desta cita, pero o programa de actividades vai crecendo co paso dos anos complementándose con outras propostas culturais. Ademais, o propio recinto onde se celebra, a  carballeira que lle dá nome, constitúe outro atractivo máis do festival e contribúe a crear a atmosfera especial que alí se respira. Este ano, a música non soará en Zas, pero os seus organizadores prometen regresar con enerxías renovadas no 2021.

 

Día da Gaita e Romaría a Santa Cruz. Ribadeo

Tamén coñecida como A  Xira, o Día da Gaita e Romaría a Santa Cruz, é unha celebración tradicional que ten lugar cada primeiro domingo de agosto no monte de Santa Cruz. A gastronomía e a música popular son dúas dos principais ingredientes dunha festa que vén celebrando co seu formato actual dende os anos 60, pero cuxos orixes se remontan máis atrás aínda no tempo. O seu carácter multitudinario é, precisamente, o que animou aos seus organizadores, os responsables da Asociación Amigos da Gaita Galega, a suspender a edición deste ano para evitar aglomeracións.

  

Mostra da Olería. Buño (Malpica)

A artesanía tradicional é o principal aceno de identidade do pobo de Buño, no municipio coruñés de Malpica. Cada ano, chegado o arranque do mes de agosto, os seus artesáns celebran unha Mostra da Olería que atrae a visitantes e turistas de toda Galicia. Os postos de venda conviven no programa con talleres de barro e outras actividades divulgativas destinadas a poñer en valor esta artesanía milenaria. A edición deste ano tivo que ser cancelada, pero os obradoiros e as tendas da localidade, así como o Ecomuseo Forno  do  Forte, seguen abertos para recibir a todos aqueles que queiran coñecer a singular olería de Buño.

 

Romaría Vikinga. Catoira 

Cada primeiro domingo de agosto os habitantes de Catoira e miles de persoas reúnense nesta localidade situada a beiras do río Ulla para gozar dunha das celebracións máis populares do calendario estival galego. Desde os anos 60, recrean coa axuda dunha réplica dunha embarcación vikinga a toma das Torres do Oeste. Os invasores apagan a súa sede guerreira con viño e unha comida de confraternidade toma a substitución desta lúdica batalla pasada por barro. O enorme poder de convocatoria da festa é o que obrigou a suspender este ano os actos centrais da celebración, aínda que si se organizaron algunhas actividades dirixidas a públicos máis reducidos.

 

San Fins do Castro. Cabana de Bergantiños

A romaría de San Fins do Castro celébrase cada día 1 de agosto reunindo a fieis e curiosos na carballeira situada xunto á capela homónima. O Berro Seco (unha orixinal coreografía de berros que dirixe o párroco local), o himno de San Fins e a queima do Santo da Pólvora son os elementos máis orixinais e emblemáticos desta celebración na que tampouco faltan outros ritos propios das romarías relixiosas, como o relacionado co poder milagroso das augas da fonte próxima. Do mesmo xeito que ocorre con outras romarías similares, haberá que agardar ao próximo ano para tomar parte nela.

 

Festival Folclórico Internacional do Emigrante. Reinante (Barreiros)

Outra das celebracións tradicionais que se caeu este ano do calendario festivo é a que ten lugar na parroquia de San Miguel de Reinante (municipio de Barreiros) dende 1980 para homenaxear con música aos emigrantes. A asociación O Arco da Vella é a responsable de que o Festival Folclórico Internacional do Emigrante fose capaz de reunir ao longo destes 40 anos a multitude de grupos de todo o mundo.

 

Feira  do Bonito. Burela 

Festa de interese turístico nacional, a Feira do bonito celébrase en Bureia desde o ano 1983, coincidindo co primeiro sábado do mes de agosto. O principal obxectivo da festa é reivindicar a historia mariñeira do pobo ademais da súa cultura e gastronomía. Cada unha das súas edicións ofrece entretemento e actuacións musicais con artistas galegos relevantes, pero a estrela da xornada é o delicioso bonito elaborado en distintas preparacións e mesmo sen glute para os celíacos. Este ano non haberá actos oficiais.

 

Festa  do  Pemento. Herbón (Padrón)

Como algunhas das anteriores, esta celebración ten lugar o primeiro sábado do mes de agosto. Ese día, a parroquia de Herbón, en Padrón, presume dos pementos aos que deu fama internacional cunha celebración que foi declara xa en 1978 de interese turístico. A Orde do Pemento de Herbón concede a produtores e personalidades que difunden e promoven o pemento os títulos de Cabaleiros e Damas. Os organizadores da festa decidiron suspender os actos deste ano, pero emprazan ao público para reencontrarse no 2021.

 

Festa  do  Pemento. Oímbra

Tamén no municipio ourensán de Oímbra renden homenaxe aos pementos cunha celebración monográfica. A dedicada ao seu pemento branco remóntase ao ano 1997 e consiste nunha comida popular que ten lugar na carballeira da localidade o primeiro domingo do mes de agosto e que está aderezada con concursos, expositores de venda, actuacións e inchables. O concello cancelou os actos deste ano, pero realizará campañas promocionais para estimular a venda deste popular produto.

 

Festa  do Galo Piñeiro. O Pino

Desde o ano 1999, o municipio coruñés do Pino celebra a Festa do Galo Piñeiro e unha  Mostra Cabalar para exaltar a gastronomía e cultura galega, ademais de recuperar a unha especie de galo con raíces que se remontan á época celta. O programa inclúe unha feira na que se venden animais vivos e concursos nos que son premiados os mellores exemplares. A Mostra Cabalar xunta aos mellores cabalos e eguas de razas galegas e foráneas e permite ao público gozar de espectáculos ecuestres e exhibicións de doma. Dende 2009, tamén se celebra unha Feira Celta, pero este ano todas as actividades tiveron que ser suspendidas así que haberá que esperar ata o 2021 para volver gozar destas populares celebracións do Pino.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *