Natureza, etnografía e lecer nunha paisaxe de película en Arbo

Asomarse á beira do Miño no municipio pontevedrés de Arbo non só permite gozar dun privilexiado balcón sobre o río máis importante de Galicia e contemplar, máis aló das súas augas, as terras de Portugal. Supón ademais abrir unha xanela a un espazo no que a etnografía, a natureza, a historia e o lecer danse a man para goce do visitante.

 

Aos pés da ponte internacional que une Galicia e o país veciño inaugurada en 1998 atópase un lugar que ben merece unha visita xa só polo feito de albergar un espléndido miradoiro e unha bonita e recollida praia fluvial na que é posible gozar dun baño rodeado da vexetación típica da zona. Ademais, ese espazo situado moi preto do barrio da Estación serve de punto de saída e de meta de varias das rutas de sendeirismo deseñadas polo Concello de Arbo para dar a coñecer algúns dos principais atractivos turísticos do municipio.

 

Nos arredores da praia fluvial de Arbo arrinca o carreiro Miño-Deva. Trátase dunha ruta de pouco máis de medio quilómetro de lonxitude e dificultade baixa que segue o curso do Miño augas arriba ata atoparse coa desembocadura do Deva á vez que nos ofrece belas panorámicas e varias zonas de descanso. O principal elemento de interese deste percorrido son as estruturas en pedra construídas no propio leito do río para facilitar a pesca da lamprea. Contan algúns historiadores que naqueles tempos os emperadores ordenaban levar ata Roma lampreas vivas de Arbo, que despois eran criadas en viveiros ata o momento do seu consumo en grandes banquetes. Hoxe en día, a lamprea segue sendo un dos sinais de identidade máis importantes do municipio, que a converteu no prato estrela da súa cociña e no eixo de dúas grandes celebracións gastronómicas, unha delas declarada festa de interese turístico nacional.

 

E as pesqueiras nas que seguen sendo capturados estes peixes prehistóricos serven tamén de compás e de motivo central doutro percorrido que ten como punto final a praia fluvial de Arbo: o Sendeiro dos Pescadores. A praia fluvial de Sela é o lugar habitual de comezo desta ruta para os camiñantes que se internan por este trazado de máis de 10 quilómetros de lonxitude. O percorrido discorre en paralelo ao leito do río Miño aproveitando os carreiros que desde tempos inmemoriais veñen empregando os pescadores para acceder ás estruturas desde as que capturan as lampreas. O carreiro está dotado de paneis informativos que permiten aproveitar ao máximo os encantos deste espazo que foi incluído na Rede Natura 2000 e no que se pode atopar densa vexetación de ribeira e unha gran variedade de especies arbóreas.

 

Os atractivos da zona son tantos que mesmo chegaron a cativar aos produtores de Hollywood, tal como lembran aínda os veciños máis veteranos do lugar. As inmediacións da praia fluvial de Arbo serviron no ano 1957 de estudio natural para a rodaxe dalgunhas escenas de “Orgullo e paixón”, unha súper produción dirixida por  Stanley Kramer, ambientada na Guerra da Independencia española e protagonizada por tres grandes estrelas da época: Frank Sinatra, Cary Grant e Sophia Loren. Ningún deles chegou a visitar a localidade, debido a que para a batalla fluvial alí rodada os produtores recorreron a dobres. Pero moitos veciños da zona si tiveron ocasión de participar na película como figurantes e o despregamento de medios técnicos, humanos e materiais realizado (incluído un canón de grandes dimensións) causou sensación na zona. Unha placa en lembranza daqueles feitos colocada nas inmediacións da praia fluvial no 50 aniversario da rodaxe non fai senón confirmarnos que estamos nun lugar de película.

One thought on “Natureza, etnografía e lecer nunha paisaxe de película en Arbo

  • 7 Agosto, 2020 ás 13:21
    Permalink

    Eu gosto muito de visitar Galicia, viví 8 anos em Vigo e tamben en Lugo, (Terra Chá), sempre que tenho tempo de dias que podo cecer visgem, vou a Vigo, a casa dos compañeiros.

    Cuprimentos

    Francisco Rivera

    Resposta

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *