Galicia presume de árbores senlleiras

As árbores son un dos elementos máis importantes da paisaxe galega e da nosa historia e cultura. Basta botar unha ollada á toponimia para descubrir que algunhas das especies máis características desta terra, como é o caso do carballo e do castiñeiro, non só poboan o noso territorio formando bosques, senón que a súa presenza serviu tamén para dar nome a aldeas, parroquias e mesmo municipios. Lugares como Carballo, Carballeda, Castiñeiro e, especialmente, Souto cóntanse por decenas ao longo e ancho das catro provincias galegas.

 

Non é de estrañar por tanto que do mesmo xeito que ocorre con outros elementos importantes do noso patrimonio histórico, arquitectónico e etnográfico, as árbores tamén teñan a súa propia figura de protección. Trátase do Catálogo Galego de Árbores Senlleiras, unha figura creada pola Xunta de Galicia no ano 2007 e que recolle tanto exemplares concretos como formacións arbóreas máis amplas.

 

Na actualidade, o Catálogo ten case 200 entradas, das que a maioría corresponden a árbores senlleiras (157) e o resto (38), a formacións singulares. A listaxe inclúe os exemplares máis sobresalientes das especies autóctonas, pero tamén mostras de árbores foráneas que polas súas características merecen ser obxecto de protección.

 

Á hora de incluír unha árbore ou unha formación no catálogo téñense en conta aspectos como o seu tamaño, idade, significación histórica ou cultural, rareza ou beleza, entre outros, así como o valor simbólico que lle dan os propios habitantes do lugar e a súa importancia científico, cultural, didáctico, paisaxístico ou ornamental. Así, é posible atopar no catálogo exemplares como o Carballo do Pazo de Cartelos (Carballedo), do que se calcula que cos seus ao redor de 2.000 anos de vida é a árbore máis antiga de Galicia, ou o Avó do Eucaliptal de Chavín (Viveiro), que mide máis de 70 metros de altura e é un dos máis altos de toda Europa. En canto ás formacións singulares, o catálogo inclúe carballeiras como as de Caldas de Reis e San Lourenzo de  Trasouto (Santiago de Compostela) e soutos como os da Retorta (Viveiro) e Rubial (Folgoso do Courel).

 

A inclusión dun exemplar no catálogo implica a súa protección, con independencia da súa titularidade e de se está situado nunha propiedade pública ou privada. Prohíbese calquera actuación que poida perturbar a súa integridade, saúde ou aparencia. A protección esténdese tamén á súa contorna inmediata, de tal forma que a realización de proxectos que poidan afectarlles estará suxeita a unha autorización previa por parte da Xunta.

 

A creación do catálogo permitiu o coñecemento xeral e a posta en valor de moitas destas árbores, aínda que nalgún caso non foi suficiente para evitar que os efectos naturais do paso do tempo, fenómenos meteorolóxicos como temporais e tormentas e mesmo, en ocasións, a acción do home afectasen a algún exemplar.

 

Se queres coñecer máis sobre estas árbores podes consultar o catálogo completo aquí

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *