Bosques para deixarse sorprender pola natureza máis desbordante

Os bosques son un dos sinais de identidade de Galicia. Enchen de cor e vida as nosas paisaxes e convértense en destinos cada vez máis buscados por aqueles que queren gozar dos espazos naturais. Multitude de lugares para o relax, o sendeirismo e a contemplación da flora e a fauna agárdannos por toda a comunidade dispostos a sorprendernos coa súa natureza desbordante. A continuación presentámosche unha selección de bosques que te cativarán.

 

Fragas do Eume

As Pontes, Pontedeume, Cabanas, A Capela e Monfero

O leito do río Eume e os bosques que o rodean trazan ao entrar na provincia da Coruña en dirección á súa desembocadura un espazo dun valor paisaxístico e natural sen igual. As Fragas do Eume, declaradas parque natural no ano 1997, constitúen un dos bosques atlánticos de ribeira mellor conservados de Europa e ofrecen aos visitantes multitude de atractivos. Os seus carballos, castiñeiros, bidueiros, abeleiras, amieiros e demais especies arbóreas combinadas coas augas do Eume compoñen postais de gran beleza nas que os afeccionados á botánica poderán buscar tamén as máis de 20 variedades de fentos e 200 de liques que alí medran. Lugar ideal para paseos a pé, en bicicleta e, mesmo, en kaiak, as Fragas do Eume gardan tamén xoias do noso patrimonio, como o mosteiro de Caaveiro.

 

Fraga de Catasós

Lalín

Declarado monumento natural hai dúas décadas, este bosque de carballos e castiñeiros destaca polo tamaño dos seus exemplares, que nalgúns casos alcanzan os 30 metros de altura e 5 de perímetro. Foron plantados a comezos do século XIX polos propietarios do Pazo de Quiroga, situado nas inmediacións e motivo polo que o lugar é coñecido tamén como Fraga, Carballeira ou Souto de Quiroga. Ocupa unha superficie total de algo máis de 45.000 metros cadrados e é posible percorrela por un carreiro circular de algo máis dun quilómetro de lonxitude sinalizado con paneis interpretativos.

 

Souto da Retorta

Viveiro 

A necesidade de loitar contra as inundacións do río Landro drenando algúns terreos circundantes foi o que propiciou a plantación dos primeiros eucaliptos na parroquia viveirense de  Chavín en 1860. Un deles, coñecido na actualidade como o Avó de  Chavín presume de ser a árbore máis alta da comunidade grazas ás súas máis de 60 metros de altura e foi incluída no catálogo de árbores senlleiras de Galicia. Ademais, o  souto no seu conxunto, formado por máis de 600 exemplares e que abarca unha área de algo máis de 3 hectáreas goza da consideración de monumento natural.

 

Souto de Rozavales

Manzaneda

Este bosque de castiñeiros situado nas terras ourensás de Manzaneda é citado habitualmente como un exemplo do equilibrio entre o aproveitamento agrícola e o respecto á natureza. As castañas das árbores que alí se poden ver foron colleitadas desde hai séculos e algúns deses exemplares alcanzan dimensións sorprendentes. O Castiñeiro de  Pumbariños (incluído no catálogo de árbores senlleiras de Galicia) supera os 12 metros de perímetro e constitúe un dos principais reclamos turísticos naturais do municipio. O Souto de Rozavales tamén foi declarado monumento natural.

 

Fraga da Marronda

Baleira

As faias máis occidentais do sur de Europa crecen entre carballos, castiñeiros, acivros e outras árbores neste bosque ancestral autóctono que se estende por unha superficie  de 600 hectáreas nas zonas montañosas do municipio lucense de Baleira. Unha ruta de 20 quilómetros de lonxitude, que parte da área recreativa da Cortevella, permite gozar en toda a súa plenitude do lugar visitando paraxes como o nacemento do río Eo, atravesando antigas pontes e contemplando vellos muíños.

 

Devesa de Rogueira

Folgoso do Courel

O corazón do Xeoparque Montañas do Courel garda infinidade de tesouros naturais. Un dos máis destacados atópase no municipio de Folgoso do Courel e consiste nun bosque primario de gran diversidade. Situada na parroquia de Seoane, a Devesa de Rogueira abarca unha área de 3 quilómetros cadrados de bosque situado en  escarpadas ladeiras e que serve de hábitat a un gran número de especies animais diferentes, como corzos, martas, gatos monteses, leirón, garduñas, ademais das especies endémicas que viven nas augas dos seus regatos. Unha aula da natureza, situada na aldea de Moreda, serve de punta de entrada a este bosque e á ruta que a percorre.

 

Teixadal de Casaio

Carballeda de Valdeorras

Aos pés dos cumes máis altos de Galicia, as montañas de Pena Trevinca, atópase outro dos nosos bosques máis singulares. O Teixadal de Casaio constitúe o conxunto de teixos máis importante de Europa ao agrupar a tres centenares destas árbores. A súa situación, nunha ladeira de difícil acceso contribuíu á súa conservación e aínda que existen varias rutas que chegan ata alí, trátase de percorridos de dificultade alta. Recoméndase dispoñer dos servizos dun guía e estar preparado para camiñar durante varias horas por un trazado sinuoso que chega a superar os 1.800 metros de altitude antes de descender cara ao tesouro vexetal de Casaio.

 

Bidueiral de Montederramo

Montederramo

Os bidueiros que lle dan nome converten este espazo situado entre a Ribeira Sacra e o Macizo Central Ourensán, nas ladeiras da Serra de San Mamede e en plena Rede Natura, nun lugar especial posto que se trata dun dos mellores exemplos de vexetación eurosiberiana do norte da Península. Carballos e acivros déixanse ver tamén no Bidueiral de Montederramo (ou de Gabín), un lugar que ademais de pola paisaxe e os seus valores naturais, é coñecido por ser o escenario dalgúns dos crimes cometidos por Manuel Blanco Romasanta a mediados do século XIX, quen asegurou ser un home lobo que non podía controlar os seus impulsos e cuxa figura se relaciona tamén con personaxes de lenda como o Sacamantecas e o home do saco.

 

Bosque de loureiros de Cortegada

Vilagarcía de Arousa

Os bosques medran tamén no Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia. O máis singular de todos eles é o que se pode ver na illa de Cortegada, un lugar que atesoura unha longa historia, tal como demostran as construcións alí presentes, pero que destaca especialmente polo seu bosque de loureiros. Pasear entre estas árbores, algúns dos cales alcanzan 13 metros de altura, de propiedades gastronómicas e medicinais é unha das experiencias polas que paga a pena embarcarse e sucar as augas da ría de Arousa ata chegar a este destino tan próximo e á vez tan afastado das paisaxes de terra firme.

 

Bosque da Fervenza

O Corgo

As augas do Miño alimentan, e en ocasións asolagan, este bosque autóctono situado no curso alto do considerado como pai de todos os ríos galegos. Nunha paisaxe debuxada por lagoas, illas fluviais e charcas álzanse carballos centenarios e grandes amieiros, ademais de freixos e salgueiros, formando un dos bosques de inundación máis importantes da Península e que está incluído na Reserva da Biosfera Terras do Miño. Un vello muíño, a presa construída para alimentalo e o pequeno salto que forma o Miño dando nome ao lugar son outros atractivos deste espazo ideal para pasear e relaxarse, cando as augas o permiten.

 

Fraga de Cecebre

Cambre

Aínda que as súas dimensións son máis reducidas que cando Wenceslao Fernández Flórez buscou alí a inspiración para escribir a súa novela máis famosa, “O Bosque Animado”, a Fraga de Cecebre segue sendo un lugar cheo de maxia. Á beira do río Mero ou do encoro de Cecebre a natureza regálanos paisaxes sorprendentes a quen se dirixe ata alí tras os pasos dos personaxes do escritor. Alí álzase tamén Villa Florentina, a casa onde viviu Fernández Flórez e que na actualidade acolle a fundación que leva o seu nome.

 

Fraga de San Xoán de Río

San Xoán de Río

O curso do río Navea, afluente do Bibei e este á súa vez do Sil, deu forma a un espazo de gran valor, como proba o feito de ter sido declarada Paisaxe Protexida. Ao seu paso por terras do municipio de San Xoán de Río atópase un bosque singular coñecido popularmente como A Fraga no que se poden atopar numerosos carballos, así como outros parentes arbóreos destes, os rebolos, que propician que o lugar reciba tamén o nome das Reboleiras do Navea. O lugar de Mouruás é o punto de partida dunha ruta circular de 6,8 quilómetros que se achega tamén ata unha aula da natureza.

 

 

 

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *