A Rede Natura, carta de presentación de moitas marabillas de Galicia

Hai xa case 30 anos que comezaron os trámites para crear unha rede europea de protección dos hábitat naturais e da fauna e a flora silvestre. Púñase entón a semente da Rede Natura 2000, un instrumento de conservación impulsado pola Unión Europea para artellar políticas comúns que conxugasen a preservación do patrimonio natural cun desenvolvemento sostible acorde ás necesidades económicas e sociais de cada territorio. O obxectivo era definir e delimitar os hábitats naturais e as especies de interese que requirían de protección pola súa representatividade, vulnerabilidade e rareza. E para facelo establecéronse dúas figuras diferenciadas, pero complementarias: as Zonas Especiais de Conservación (ZEC) e as Zonas de Especial Protección para as Aves (ZEPA). Ambas serían aprobadas pola Unión Europea tras examinar a proposta dos seus Lugares de Interese Comunitario (LIC) remitida por cada Estado membro.

 

En Galicia, ese proceso traduciuse na delimitación de máis medio centenar de LIC, e na súa posterior transformación nun total de 59 Zonas Especiais de Conservación e 16 Zonas de Especial Protección para as Aves, que comprenden tanto espazos costeiros e mariños, como áreas montañosas e zonas húmidas. Así, o 12% da superficie total da comunidade este suxeita á Rede Natura 2000. Algo máis de 100.000 hectáreas corresponden ás  ZEPA e outras 374.000 hectáreas ás ZEC, o que supón case un total de medio millón de hectáreas, aínda que unha porción desa superficie é compartida debido a que as dúas figuras superpóñense nalgunhas zonas, tal como ocorre por exemplo en espazos mariños.

 

Esa superficie repártese por algo máis de 200 municipios de toda Galicia (ao redor de dous terzos do total) convertendo a Rede Natura 2000 non só nun símbolo de protección, senón tamén nunha carta de presentación de moitas das marabillas naturais das que presume esta terra: montañas, bosques, zonas húmidas, ríos, praias, complexos de dunas, illas…

 

Por provincias, Lugo e Ourense lideran a táboa de superficie protexida, cunha ampla diferenza, tanto en porcentaxe como en hectáreas totais, sobre A Coruña e Pontevedra. Así, o territorio das dúas provincias atlánticas incluído na Rede Natura sitúase en torno ao 5,78% da súa superficie total, mentres que no caso de Lugo e Ourense increméntase ata o 15,56 e o 17,78%.

 

É en terras lucenses onde podemos atopar tres dos municipios con maior porcentaxe do seu territorio protexido, debido a que en Cervantes, Folgoso do Courel e Pedrafita do Cebreiro a superficie cualificada como  ZEC supera o 95% ao tratarse de concellos situados no corazón de dúas áreas de gran valor ambiental: Os Ancares e O Courel. Outros municipios desas zonas teñen tamén gran parte do seu territorio en Rede Natura: Negueira de Muñiz (62,92%) e Navia de Suarna (73,46%). No caso de Ourense, unha das áreas onde maior é o impacto da Rede Natura corresponde ao Macizo Central e ao parque natural do Invernadeiro. Así, no concello de Manzaneda a zona protexida supera o 96% do seu territorio total e nos municipios veciños de Chandrexa de Queixa e Vilariño de Conso sitúase por riba do 59% e o 78%. Xa no límite con Portugal, atopámonos con concellos como Lobios e Entrimo, onde a Rede Natura cobre máis do 60% dun territorio que foi incluído tamén na reserva natural transfronteiriza  Xurés-Gerês. No caso da provincia da Coruña, Cariño, Carnota e Toques, con algo máis do 40%, son os municipios con máis porcentaxe de superficie incluída na Rede Natura, mentres que en Pontevedra, a táboa encabézaa A Lama cun 30%, seguido de preto por dous municipios costeiros: O Grove e A Guarda, en ambos os casos con algo máis do 28%.

 

Segundo os datos do Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia (CEIDA), en Galicia é posible atopar 72 dos hábitats naturais de interese comunitario e un total de 61 especies cuxos hábitats precisan de medidas especiais de conservación segundo os criterios establecidos pola UE. Entre estas últimas foron identificadas 19 especies de plantas, 11 de invertebrados, 7 de peixes, 2 de anfibios, 6 de réptiles e 16 de mamíferos, ademais de 81 especies de aves propias e outras 120 migratorias. Baixo o paraugas da Rede Natura acubíllanse así aves tan singulares como a píllara das dunas, que converteu Galicia no seu único lugar de nidificación de todo o litoral do norte da Península, ou plantas como a Centaurea borjae, que só se pode contemplar nun zona moi concreta do litoral galego: o incluído no ZEC Costa-Ártabra.

 

A Rede Natura trata de compatibilizar, ademais, a conservación de todo ese patrimonio natural co desenvolvemento sostible da poboación local. Promove o respecto ás actividades tradicionais que, en moitos casos, xogaron un papel clave precisamente na protección deses hábitats, e avoga por potenciar aquelas con capacidade para loitar contra o despoboamento que ameaza o mundo rural. O turismo de natureza, a artesanía, a agricultura ecolóxica ou a transformación e comercialización de produtos con denominación de orixe van así da man da natureza na reivindicación dun territorio que podemos e debemos coidar entre todos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *