Tempos de titanio e contrabando en Balarés

As praias de Galicia ofrecen moito máis que area branca e refrescantes augas nas que refuxiarse da calor estival. Son lugares que merecen ser visitados en calquera época do ano. É o caso de Balarés, un areal situado no municipio de Ponteceso, en plena Costa da Morte, e que destaca non só polo seu valor como espazo de lecer, senón tamén pola súa singular combinación de atractivos ambientais e históricos.

 

Situada no corazón da ría de Corme e Laxe, a praia de Balarés é unha paraxe que atrae no verán a multitude de bañistas pola súa localización, máis protexida dos embates do mar e do vento que outros areais próximos, e pola contorna que o rodea, cun piñeiral e un merendeiro que se converten nuns bo aliados nos momentos nos que o sol máis aperta.

 

Pero, o lugar ten moito máis que ofrecer, comezando por unha historia na que feitos e lendas se entretecen coa II Guerra Mundial como pano de fondo e cuxos vestixios aínda se deixan ver hoxe en día. As orixes do peirao que aínda pecha o extremo norte da praia remóntanse mesmo algo máis atrás no tempo, a mediados dos anos 30 do século pasado, cando o descubrimento dun xacemento de titanio na zona propiciou a constitución da empresa Titania S.A.. Foron os propios veciños da zona, homes e mulleres, os que construíron a estrutura orixinal daquel peirao e os máis veteranos da zona aínda conservan viva a memoria dunha época e uns acontecementos nos que se mesturan a dureza dos tempos da Guerra Civil e a  posguerra, as posibilidades de desenvolvemento que propiciou aquela nova industria e os ecos da Alemaña nazi. 

 

A maioría do mineral de Balarés foi enviado ao País Vasco para ser utilizado nunha empresa propiedade de alemáns. Pero nin os propios protagonistas locais daqueles feitos teñen moi claro o uso final do titanio que se extraeu da area do lugar ata os anos 60, época na que Titania S.A. pechou as súas portas. Hai quen explica que o mineral era empregado pola industria farmacéutica e polos fabricantes de fósforos, pero tampouco falta quen defenda que durante a II Guerra Mundial este mineral foi utilizado polos alemáns para reforzar as aliaxes do seu armamento. De feito, non moi lonxe de Balarés, no municipio de Santa Comba atopábase a mina de Varilongo, da que se extraía inicialmente ferro e cuarzo, pero que a comezos dos anos 40 converteuse nun lugar estratéxico para os nazis pola aparición de volframio. Este mineral era coñecido como o “ouro negro” pola súa importancia na fabricación de canóns e blindaxes e tamén foi extraído noutro lugar próximo, a mina de Monte Neme, en Carballo.

 

Do porto de Balarés partían as embarcacións co titanio da explotación aberta na propia praia, pero contan que o dique serviu de escenario ao contrabando de  volframio e hai quen fala mesmo da presenza nas augas próximas de embarcacións alemás e da participación de persoal xermano nalgúns dos traballos realizados en terra firme.

 

Na actualidade, ademais do porto, aínda se poden ver nos arredores da zona restos das piscinas nas que era depositado e procesado o mineral antes de ser embarcado. Un paseo polo lugar convida a descubrir os vestixios daquela época e a deixar voar a imaxinación tratando de completar os ocos dunha historia aínda por acabar de escribir.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *