Santa María de Cambre, unha igrexa onde historia e lenda danse a man

Do mesmo xeito que ocorre con outros edificios históricos de Galicia, é difícil precisar as orixes exactas da igrexa de Santa María de Cambre. O templo, situado no centro da localidade e enmarcado por un belo xardín chegou ata os nosos días como exemplo destacado da arte románica galega e aínda que a construción da súa fachada actual e de parte das súas naves comezou no século XII, a historia do lugar remóntase varios séculos atrás no tempo. Hai quen sostén que puido ser levantada sobre unha edificación romana anterior, pero o certo é que a primeira referencia á existencia dunha construción relixiosa no lugar remóntase ao 932.

 

Un documento datado ese ano certifica a doazón por parte de dous irmáns, Gutier e  Aloito, ao mosteiro de San Paio de Antealtares (Santiago de Compostela) do mosteiro de Santa María de Cambre, que fora fundado e edificado polo seu pai, Aloito, e polas irmás deste, Vistiverga, Urraca e Odroacia. A igrexa posterior, coas modificacións ás que foi sendo sometida ao longo dos anos permanece pois como legado daquel primeiro recinto e como depositaria dunha historia  trufada de lendas e singularidades.

 

Neste último apartado poderíase enmarcar por exemplo a inscrición semioculta nun arco interior que atribúe a súa construción a Michael  Petri, algo pouco usual para unha época na que o traballo dos artesáns era anónimo. As posteriores intervencións no templo, coa incorporación do deambulatorio e das cinco capelas absidais propiciaron que o recinto teña sido cualificado como a única igrexa parroquial de Galicia con planta catedralicia.

 

Os templarios tamén deixaron a súa pegada na igrexa de Santa María de Cambre. Os cabaleiros da famosa orde relixiosa tiveron unha importante presenza no territorio actual de Cambre e dos municipios veciños debido a que controlaban a ponte do Burgo e a fortaleza alí levantada cuxo único vestixio actual é o citado viaduto e a igrexa parroquial de Santa María do Temple. Os templarios prestaban auxilio aos comerciantes que desembarcaban as súas mercadorías alí e aos peregrinos que iniciaban nese mesmo lugar o seu camiño cara a Compostela. E a eles atribúese a presenza na igrexa de Santa María de Cambre dunha das principais reliquias que esta garda no seu interior: a Hidra de Xerusalén ou Hidra de Caná. Segundo a tradición, a peza é unha das pilas bautismais que foron utilizadas por Xesucristo para converter a auga en viño nas vodas de Caná, e sería trasladada polos templarios desde Xerusalén ata O Temple, primeiro, e a Cambre, despois.

 

A ese territorio fronteirizo entre a historia e a lenda pertence tamén o relato segundo o cal, baixo o altar da igrexa de Santa María de Cambre, se esconde un pasadizo secreto. Contan que ese camiño subterráneo chega ata os restos do castro de Cambre, situado non moi lonxe do templo, e tería como finalidade proporcionar unha vía de escape aos monxes do antigo mosteiro en caso de perigo. E é que o lugar non permaneceu alleo a algúns episodios convulsos da historia: os ingleses, a finais do século  XIV, e os franceses, a comezos do século XIX, o atacaron e incendiaron causando importantes danos.

 

Poucos anos despois os monxes abandonarían o lugar, pero a igrexa parroquial aínda nos agarda hoxe en día convidándonos a lembrar o pasado mentres gozamos do seu patrimonio artístico e arquitectónico.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *