San Pedro de Rocas, berce de devoción e historia na Ribeira Sacra

Unha lápida conservada na actualidade no Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense permítenos remontarnos ata o ano 573 en busca das orixes do Mosteiro de San Pedro de Rocas, un dos cenobios máis singulares e sorprendentes de toda Galicia. Dita lápida fai referencia á herdanza recibida por un pequeno grupo de persoas, o que permite deducir que neste apartado lugar do municipio ourensán de Esgos xa existía unha pequena comunidade naquela época e que por tratarse precisamente dunha herdanza, a súa fundación é mesmo anterior. De tal forma que San Pedro de Rocas sería a construción cristiá máis antiga de Galicia e unha das máis antigas de toda España.

 

A bruma do paso do tempo envolve a historia daquel primeiro asentamento relixioso e lévaa a un terreo no que se confunde coa lenda. Situado nunha zona prolífica en asentamentos de ermitáns que chegaran ata alí atraídos pola beleza das paisaxes e as posibilidades de illamento que ofrecía, a orixe do mosteiro de San Pedro de Rocas tamén estaría relacionado con eses primeiros ascetas. Así o testemuñan as primitivas covas que lles serviron de vivenda e capela e que foron incorporadas á igrexa posterior. Este feito constitúe outro dos trazos distintivos de San Pedro de Rocas xa que é a única igrexa rupestre de Galicia e explica tamén a orixe do seu nome. As Rocas da súa denominación son as formacións pétreas do monte Barbeirón coas que o recinto parece fundirse nalgúns puntos. Case nada se sabe daquela primeira etapa, aínda que a hipótese principal é que o lugar foi abandonado uns anos máis tarde por mor das incursións islámicas. A seguinte referencia no tempo ao mosteiro lévanos xa ao século IX, cando sería redescuberto durante unha cacería por un cabaleiro que, cativado polos atractivos do lugar, decidiu convertelo na súa morada e dos seus compañeiros converténdose el mesmo en abade.

 

Momentos de apoxeo, baixo a protección dos mosteiros de San Estevo de Ribas de Sil e de San Pedro de Celanova en etapas sucesivas, e épocas de decadencia vinculadas a incendios (documentáronse tres ao longo dos séculos) e a outros sucesos balizan a historia dun lugar que tras a desamortización de Mendizábal (en 1836) perdeu a súa condición de mosteiro para quedar reducido a igrexa parroquial. O último lume, acaecido xa a comezos do século XX, foi o que propiciou o seu abandono como lugar de culto e a edificación dunha nova igrexa noutra localización non moi afastada. Pero a beleza do lugar, a historia de San Pedro de Rocas e as súas peculiaridades construtivas propiciaron que o antigo mosteiro fose declarado monumento-histórico artístico e se acometesen desde entón traballos diversos para recuperalo. Hoxe en día, reconvertido en Centro de Interpretación da Ribeira Sacra e da Vida Monástica de San Pedro de Rocas recobrou nova vida como porta aberta á historia e o patrimonio de toda a zona.

 

Percorrer as salas da antiga Casa Prioral supón viaxar atrás no tempo para coñecer como vivían os monxes e como foi evolucionando o mosteiro. Ademais, a instalación rende homenaxe aos oficios, as paisaxes, as tradicións e as lendas da Ribeira Sacra e permite entender por que esta área formada polos vales dos ríos Sil e Miño atraeu a atención de diversas comunidades relixiosas ata converterse nun dos espazos xeográficos con mais densidade de mosteiros de Europa.

Pero a mellor maneira de empaparse dos encantos e a historia do lugar é pasear entre as súas construcións e gozar da bela paraxe na que se atopa. Aínda que a igrexa primitiva foi sometida a diversas reformas co paso dos séculos, no seu interior pódese apreciar o trazado das tres covas nas que se instalaron os primeiros moradores do lugar, e contemplar varios sepulcros e un mapamundi pintado sobre unha parede, o único da época románica do que se ten coñecemento.

 

E nos seus arredores, ademais da fonte de San Benito, a cuxas augas atribúense propiedades milagreiras, pódese ver o campanario levantado no século XV. A construción carece de campás, debido a que foron trasladadas á igrexa de Quinta do Monte, pero segue chamando a atención dos visitantes por ter sido levantada sobre un arco de pedra natural, converténdose así nunha das imaxes máis icónicas do lugar.

 

O mosteiro é tamén a meta dun antigo carreiro, o Camiño Real, hoxe en día recuperado como ruta de sendeirismo que non só permite aos visitantes chegar ata alí desde Santa María de Esgos tal como facían os monxes e os veciños da zona séculos atrás, senón que nos achega a outro dos elementos patrimoniais que garda o lugar: os  petos de ánima que bordean a ruta.

 

En definitiva, San Pedro de Rocas é un lugar de visita obrigada. Historia, patrimonio, lendas, paisaxes, sendeirismo… Necesitas algún motivo máis para poñerte en marcha?

 

 

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *