Penas de Rodas. Cando se xuntan o Sol e a Terra

Galicia sempre foi un territorio de lenda e son moitas as historias que se seguen contando nos nosos días. No municipio lucense de Outeiro de Rei abundan as tradicións e as crenzas míticas e, sorprendentemente, moitas delas teñen por escenario un mesmo lugar do concello: Penas de Rodas. Trátase dun conxunto megalítico que non pasa desapercibido para os visitantes, pois atópase a uns 620 metros sobre o nivel do mar. O espectacular monumento está caracterizado por dúas grandes rocas de granito en forma de esfera que, a pesar de crear unha ilusión óptica de inestabilidade, son pesadas e robustas. Rodeadas por construcións de castros e xacementos romanos, posúen unha gran relevancia simbólica.

 

O impacto visual que causan naqueles que as contemplan non deixa atrás o valor histórico destas pedras. Están consideradas como un importante e sacro lugar de culto, cuxas orixes se remontan á época romana. Aínda así, a súa forma de creación e disposición non está de todo clara. Algúns expertos atribúen o seu nacemento a un proceso natural protagonizado por magma fundido que se solidificou ao saír á superficie. Con todo, pola súa colocación e orientación, outros investigadores pensan firmemente que se trata dunha formación artificial do home. Carlos Sánchez-Montaña, arquitecto e especialista en historia antiga, está seguro de que a colocación das pedras non é natural, pois está moi ben estudada para simbolizar o matrimonio entre o Sol e a Terra. Aínda  así, a súa orixe segue sendo un misterio.

                                                                     

Lendas

A colocación das rocas é froito de diversas teorías, como a súa utilización a modo de santuario pagán ou de calendario (puideron usarse para predicir datas destacadas do ciclo agrícola). Esta última interpretación deu lugar a moitas investigacións que destacan a orientación do monumento cara á posta do sol durante o solsticio de verán e cara a súa saída durante o de inverno. A pesar de todo, non só teñen presenza a súa morfoloxía e colocación; a maxia que envolve a zona desembocou en fábulas que xa forman parte da historia local.

 

Unha das lendas máis coñecidas sobre as Penas de Rodas ​—da que deixou constancia o escritor Manuel María nos seus poemas​— fai referencia ao propio interior das dúas esferas, pois dise que unha das súas pedras está chea de ouro e que a persoa que lograse rompela faríase rica. A outra rocha estaría repleta de  alcatrán e en caso de crebala por equivocación, derramaríase e devastaría toda a zona. Por este motivo, as dúas rocas atópanse aínda nun perfecto estado de conservación: as ganas de vivir puideron ata agora coa ambición de conseguir o ouro.

 

Relacionada coa anterior, outra lenda fai referencia á hipotética rotura dunha única formación primixenia que propiciaría a formación das dúas rocas. No momento da súa caída, a pedra orixinal abriuse pola metade, derramando todo o alcatrán que había no seu interior. A catástrofe petrificou a todos os residentes da zona, o que explicaría a existencia actual de numerosas pedras de gran tamaño na zona: son os corpos dos habitantes do lugar que, a causa do paso do tempo e a erosión, adoptaron a forma habitual desas rocas.

 

Doutra banda, os habitantes da parroquia de Gaioso teñen a súa propia crenza sobre a orixe das Penas de Rodas. A súa fábula explica que foron creadas por un trasno ou polo mesmo diaño, que as colocou alí para rirse dos homes que, sen resultados, intentarían movelas de sitio.

                                                                     

A romaría

As vistas desde a cima de Penas de Rodas e a súa situación no medio dun piñeiral convidan ao lecer e ao descanso. Para facer máis cómoda a visita dos camiñantes, preto da zona do xacemento megalítico construíuse unha área recreativa dotada de mesas, bancos e fontes. Ademais, nese mesmo lugar acondicionado e no espazo que hai diante das pedras, cada domingo anterior ao 12 de agosto celébrase unha concorrida romaría que acolle a un gran número de visitantes. A música, as danzas, os xogos populares e a artesanía axudan cada ano a reavivar a lenda que envolve ao monumento.

 

Penas de Rodas é un deses lugares que deben contemplarse desde preto, pois só así é posible captar toda a maxestosidade e a maxia do lugar. Son moitos os visitantes que se achegan ata alí o 21 de xuño coincidindo co solsticio de verán, pero calquera momento é bo para gozar desta paraxe chea de misterios e lendas.

 

 

 

One thought on “Penas de Rodas. Cando se xuntan o Sol e a Terra

  • 2 Xullo, 2020 ás 19:52
    Permalink

    A romaxe faise agora a ultima fin de semana de xuño (cando non coincide o Arde Lucus)!

    Resposta

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *