Pasado e presente da Pedra Alta da lagoa de Antela

Ducias de pedras álzanse por toda Galicia a modo de recordatorio dos ritos que practicaban os habitantes que poboaron estas terras hai xa varios milenios. Coñecidos como menhires, antas ou, simplemente, pedras altas, moitos destes monólitos permaneceron esquecidos durante séculos e nalgúns casos mesmo foron destruídos, pero uns poucos sobreviviron ata os nosos días convertidos en monumentos, e outros agardan aínda a ser descubertos.

 

Entre os que podemos contemplar e admirar atópase a Pedra Alta de Antela ou de Cortegada, un menhir que fai honra ao seu nome debido a que é un dos de maior envergadura de cantos podemos ver en Galicia na actualidade e que toma os seus diferentes apelidos da área xeográfica e da parroquia do municipio de Sarreaus onde se atopa. 

 

Varios investigadores trataron de rastrexar as súas pegadas a través da historia e chegaron á conclusión de que puido ser erixida entre o terceiro e o cuarto milenio antes de Cristo. Do mesmo xeito que ocorre con todos os monumentos desta índole, descoñécese exactamente o seu propósito aínda que a principal hipótese apunta á súa relación con ritos funerarios: “Os menhires son principalmente símbolos fálicos e concentradores da forza transmisora de vida, e por tanto relacionados cos ritos máxicos para a resurrección ou continuidade da vida en ultratumba”, en palabras de Luís Monteagudo García, quen fora director do Museo Arqueolóxico da Coruña.

 

Precisamente, ese carácter pagán foi o que propiciou que, do mesmo xeito que sucedeu con outros restos arqueolóxicos, algúns destes monumentos fosen destruídos durante a Idade Media e que outros fosen sometidos a un proceso de cristianización para borrar a pegada daquelas prácticas. No caso da Pedra Alta de Cortegada pódense apreciar varias inscricións, algunhas delas superpostas, que apuntan nesa dirección, tal como sostén un dos seus principais investigadores, Tomás Vega Pato. Este etnógrafo e divulgador identificou varias cruces ademais dunha inscrición de carácter cristián que tería sido realizada entre os séculos IX e  XII. Incluso algunha lenda local que conta que foi unha “moura” a que deixou o menhir nese lugar sería sometida a un proceso similar substituíndo a figura mitolóxica pola Virxe.

 

Pola localización onde foi atopada en datas non moi afastadas suponse que a Pedra Alta de Cortegada serviu noutra época de marco divisorio entre os municipios de Xunqueira de Ambía, Vilar de Barrio e Sarreaus. Foi localizada moi preto do límite destes tres concellos e nas proximidades do antigo camiño que cruzaba a lagoa de Antela unindo o primeiro deses municipios e Monterrei. O diferente estado de conservación que se pode apreciar entre a maior parte da pedra e o seu segmento inferior fai pensar que durante moito tempo o dolmen estaría cravado no chan uns 60 centímetros. Hai quen apunta tamén que a propia lagoa da Antela (desecada a mediados do século pasado) podería deber o seu nome a este menhir posto que antela sería o diminutivo de anta, palabra que en galego aplícase ás pedras empregadas tanto en monumentos megalíticos como nos peches de terreos.

 

A Pedra Alta de Cortegada ou de Antela foi derrubada por un tractor nos ano 70 e tivo que agardar máis dunha década para ser recuperada e colocada nun pedestal de cemento non moi lonxe do lugar coincidindo coas obras acometidas nunha estrada próxima. Hoxe en día, cos seus case 3 metros e medio de alto segue impresionando a todo aquel que a visita e espertando moitas preguntas sobre un pasado xa remoto.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *