Os irmáns García Naveira, historia dun mecenado

Esta é a historia de 2 irmáns que, como moitos outros galegos, en 1869 decidiron emigrar a Arxentina. Os betanceiros Juan e Jesús García Naveira traballaron sen descanso e cultivaron os seus coñecementos para converterse en grandes homes de proveito. 

Co éxito ás súas costas grazas ás súas empresas de importación, voltaron a Galicia, a Betanzos, en 1893 para mellorar a situación que a eles lles levara a “facer as Américas”. O seu principal obxectivo era combater o paro. Para iso construíron unha serie de edificios de carácter social creando así postos de traballo para os seus veciños. 

 En 1902 constrúen o lavadoiro público gratuíto á beira do río Mendo. Contaba con dúas filas de lavadoiros, para usalos en función das mareas, nos que cabían 22 lavandeiras á vez.

 En 1908 crean o Padroado Benéfico-Docente García Irmáns, co obxectivo de proporcionar vivenda, roupa, alimentos e coidados médicos a anciáns; ademais de educación e ensino aos mozos. Construíronse para iso dous edificios. A escola foi inaugurada en 1914 e o asilo en 1912. Os edificios daquela época eran maxestosos e contaban cos maiores avances da época.

 Pero o seu empeño por sacar ao seu pobo da miseria non quedaría aí. En 1917 crean a Escola Jesús García Naveira, hoxe en día convertida en gardería municipal.

 Aínda que, sen dúbida, a súa gran obra, na que máis tempo e diñeiro investiron, é o Parque do Pasatempo. A súa construción iniciouse en 1893. O seu obxectivo era plasmar as vivencias das súas numerosas viaxes,  polo que se concibiu como un parque enciclopédico. Grutas prehistóricas, estatuas de afamados escritores, reloxos marcando as horas das principais capitais do mundo, estanques, murais esculpidos en relevo coa muralla Chinesa, a pirámide de  Keops ou a Canle de Panamá, eran algúns dos elementos destacables deste recinto, precursor dos actuais parques temáticos e que abriu as súas portas en 1914. 

 En honra e agradecemento polo seu labor de mecenado durante tantos anos, o concello de Betanzos poñería o seu nome á praza principal, pasándose a chamar Praza Irmáns García Naveira e trasladando alí a estatua de ambos irmáns que ata entón se atopaba no Parque do Pasatempo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *