O Rollo da Alberguería, un símbolo de outros tempos recuperado tras décadas de esquecemento

O paso do tempo é en ocasións unha laxa baixo a que se oculta boa parte do noso legado histórico e patrimonial. Moitas veces é imposible recuperar xa eses vestixios e temos que conformarnos con evocalos a través de testemuños indirectos, pero nalgún caso un achado casual permite poñer en valor un monumento que durante séculos permanecera esquecido e revivir así un anaco da historia local.

 

Sábeno ben na aldea da Alberguería, no municipio ourensán de Laza, un lugar moi coñecido polos peregrinos da Vía da Prata e que desde hai agora unha década mostra con orgullo unha desas pezas felizmente recuperadas. Presidindo e dando nome á Praza do Rollo, unha columna circular de pedra érguese como testemuño da xustiza que se exercía noutros tempos e como exemplo de que o empeño duns poucos pode servir para reconciliarnos co noso patrimonio.

 

O que podería parecer unha simple peza ornamental, é en realidade un curioso símbolo xurisdicional único en Galicia. Columnas como a da Alberguería marcaban a categoría administrativa dunha vila e os seus límites xurisdicionais e, en ocasións, servían tamén como picotas, é dicir, o lugar onde os presos eran expostos diante do resto dos veciños e sometidos a castigo físico. A vixencia deste tipo de xustiza mantívose durante varios séculos, ata que en 1812 as Cortes de Cádiz decretaron a súa abolición provocando que a gran maioría destas columnas fosen derrubadas e acabasen desaparecendo.

 

No caso do Rollo da Alberguería, o escritor e historiador Eligio Rivas Quintas sostén que pode ser o único que se conservou en Galicia aínda que limita os usos que tivo no pasado. Detalla que non presenta argolas para atar aos presos nin sinais que indiquen que fose empregado como picota, así que conclúe que unicamente servía para marcar os límites da xurisdición do Conde de Monterrei e como sinal para os peregrinos que se dirixían a Compostela pola Vía da Prata.

 

Foi, precisamente, Eligio Rivas quen permitiu sacar á luz a existencia do Rollo da  Alberguería. Todo comezou en 1993, cando durante un dos percorridos que o historiador estaba a realizar pola zona para unha publicación sobre a Vía da Prata decatouse de que a estraña columna que fora empregada como parte do peche dunha horta particular era en realidade uno deses rollos xurisdicionais perdidos. Os veciños máis veteranos do lugar contaban que o lembraban sempre nese curioso emprazamento, pero algúns explicaban tamén que os seus maiores si lles falaban da época na que a columna ocupaba o centro da praza do pobo. No ano 2010, case dúas décadas despois, e grazas ao labor de Eligio Rivas, o empeño da Asociación de Amigos da Vía da Prata-Camiño Mozárabe e o apoio dos veciños e das administracións local, provincial e autonómica o Rollo da Alberguería volveu ao seu lugar orixinal. 

 

Alí permanece hoxe en día, na Praza do Rollo, convertido nun dos monumentos máis importantes do lugar e nun lugar de parada obrigada para os peregrinos da Vía da Prata, que poden sumar así un anaquiño de historia local ao seu relato do Camiño.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *