O legado da minería cobra vida en Fontao

A mineira é unha actividade que vén desenvolvendo en Galicia desde hai milenios. As súas pegadas déixanse ver en numerosos puntos da comunidade e en moitos deles eses vestixios forman parte xa do noso patrimonio histórico. É o caso dalgunhas construcións e paraxes que se remontan á época dos romanos, pero tamén de lugares que nos falan dun pasado non tan remoto e cuxo recordo permanece aínda moi presente na memoria dalgúns veciños veteranos.

 

Vellos túneles, minas ao descuberto e as edificacións diversas que creceron ao redor delas dan forma a un mosaico que nalgúns lugares cobrou unha nova vida. Así ocorreu no municipio pontevedrés de Vila de Cruces, onde as instalacións do vello poboado mineiro de Fontao acollen hoxe unha nova zona residencial e un flamante centro divulgativo (o Museo da Minería de Fontao) que permite coñecer a historia deste importante xacemento.

 

Foi durante a segunda metade século XIX cando o estaño que había na zona atraeu a atención da industria mineira abríndose así unha etapa de explotación que se prolongaría por espazo de case 100 anos, aínda que alternando momentos de inactividade con outros de traballo febril. Ao interese polo estaño sumóuselle tamén o wolframio e durante uns anos, a comezos do século pasado, a empresa que explotaba os xacementos da zona tiña practicamente o monopolio da produción de ambos os minerais en Galicia, aínda que problemas internos, os altibaixos do mercado, a Primeira Guerra Mundial e os avatares do período de entreguerras afectaron á marcha do negocio propiciando que a explotación permanecese pechada en varios períodos diferentes.

 

As aplicacións na industria militar do wolframio foron o motivo polo que a partir dos anos 20 do século pasado o auxe da mina de Fontao vai correr en paralelo a diversos acontecementos históricos. Serán os conflitos armados (a Guerra Civil española, a Segunda Guerra Mundial e a Guerra de Corea) os que marquen os momentos de repunte da actividade nas décadas seguintes. Durante a segunda destas contendas é cando se viviu a maior demanda de wolframio e polo tanto a explotación requiriu de máis man de obra, chegando a contar con ao redor de 3.000 mineiros.

 

A mediados do século pasado naceu ao carón da explotación unha pequena cidade na que xunto aos barracóns construídos para aloxar aos traballadores fóronse levantando outras edificacións como as casas dos responsables da mina, un cinema, unha escola e unha igrexa. Tamén había no poboado mineiro unha decena de tendas nas que era posible conseguir todo tipo de produtos, un campo de fútbol no que o equipo local (o Minas Club de Fútbol) chegouse a xogar durante as festas patronais con conxuntos de Primeira División e unha praza na que se celebraba un mercado diario, tal como relatan os responsables do Museo da Minería de Fontao.

 

A explotación das galerías da mina cesou en 1963 e aínda que a explotación ao descuberto prolongouse uns anos máis, a baixada dos prezos do mineral propiciou que o xacemento deixase de ser rendible e pechase as súas portas definitivamente en 1974. Comezou entón un período de varias décadas de abandono ata que as administracións decidiron aproveitar o potencial do lugar dándolle un novo uso, aínda que mantendo o recordo da actividade que impulsou o seu nacemento.

 

Os antigos aloxamentos foron rehabilitados e postos ao dispor da poboación da zona e dos emigrantes retornados como vivendas de promoción pública. O cinema foi reconvertido nun moderno auditorio equipado tamén con tenda e cafetaería, E a igrexa e as escolas creadas para formar tanto aos fillos dos mineiros como ao resto dos nenos da parroquia albergan o espazo expositivo do Museo da Minería de Fontao. Cruzar as súas portas permite achegarse aos tempos nos que a explotación estaba activa a través de paneis explicativos, maquetas, maquinaria, proxeccións audiovisuais e material fotográfico. E pasear pola súa contorna e percorrer as rúas que rodean as vivendas rehabilitadas axuda a imaxinarse como era a vida naquel lugar hai medio século.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *